A Escola Politécnica Superior de Campus Terra súmase ao pulo aeronáutico cunhas xornadas sobre vehículos aéreos non tripulados

Máis de 25 empresas ligadas aos ámbitos da Xeomática e a Topografía e ao deseño e desenvolvemento de aeronaves, así como profesionais do sector aeroespacial e investigadores de varias universidades participarán en Lugo do 31 de marzo ao 2 de abril nas xornadas sobre vehículos aéreos non tripulados organizadas pola Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topografía e o aeródromo de Rozas.
O grande impacto que están a ter na sociedade civil e as múltiples expectativas de negocio xeradas arredor das múltiples aplicacións que permite o uso desta tecnoloxía nos campos máis diversos son algúns dos motivos que propiciaron a organización destas xornadas, que están planteadas como un foro de discusión, difusión da tecnoloxía e intercambio de coñecemento no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados, o que popularmente se coñece como ‘drones’. Estas xornadas sobre ‘drones’ antóllanse como unha oportunidade para favorecer o desenvolvemento e intercambio de experiencias nesta materia, así como para debter sobre investigación, innovación e tecnoloxía, segundo indicou a profesora da USC na EPS e delegada territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topografía. María José Iniesto indicou tamén na presentación destas xornadas sobre vehículos aéreos non tripulados que o programa deseñado, no que se inclúen relatorios e presentacións de proxectos, networking con empresas, ademais de ata cinco obradoiros prácticos de diversa temática, exposicións de ‘drones’ e outros vehículos aéreos non tripulados, e unha exhibición nas instalacións do aeródromo de Rozas, no concello de Castro de Rei, constitúen unha boa oportunidade para coñecer como está actualmente a normativa reguladora e que formación se precisa para divulgar as distintas aplicacións destes sistemas. Atopar novos usos desta tecnoloxía aeroespacial no ámbito civil e coñecer a visión das empresas ou entidades usuarias destes servizos desde el punto de vista de negocio, ademais dos problemas cos que se atopan, son outros dos cometidos que pretenden os promotores destas xornadas de formación e divulgación sobre os vehículos aéreos non tripulados, dixo Iniesto, quen tamén destacou que este foro contará coa participación das principais empresas e institucións do sector, entre as que figuran o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial (INTA) ou Indra, unha das empresas adxudicatarias do centro de investigación aerotransportable de Rozas. A celebración destas xornadas sobre ‘drones’ “constitúen unha boa oportunidade para amosar todo o potencial investigador e tecnolóxico que pode ofrecer o Campus Terra da USC cara o desenvolvemento e as futuras accións executadas ao abeiro do centro de investigación aerotransportable de Rozas”, sinalou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno. O perfil das titulacións do eido da enxeñaría ofertadas no Campus Terra da USC, ligadas aos ámbitos agroalimentario e forestal, así como á enxeñaría civil e á xestión e ordenación do territorio, xunto coas múltiples aplicacións que xa ten e os novos usos que podería permitir no futuro tecnoloxía dos ‘drones’ nestes ámbitos, xustifica a implicación do Campus Terra da USC no proxecto aeronáutico para Galicia proxectado en Rozas. O director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta García, tamén cualificou de pertinente a implicación do centro universitario lugués nesta aproximación ao mundo da aeronáutica e á tecnoloxía dos ‘drones’. A participación da EPS nesta aposta está máis que xustificada porque múltiples aplicacións e posibilidades de negocio que ofrecen os vehículos aéreos non tripulados amplía enormemente a demanda de enxeñeiros en Xeomática e Topografía, un título de grao único no Sistema Universitario Galego impartido no Campus Terra da USC e que, curiosamente, está a rexistrar unha escasa demanda por parte do estudantado, dixo. Inscrición nas xornadas As persoas interesadas en participar nas xornadas sobre vehículos aéreos non tripulados organizadas pola Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topografía e o aeródromo de Rozas poden formalizar a súa inscrición en liña ata o 21 de marzo cubrindo o seguinte formulario. O aforo para participar neste programa tecnolóxico está limitado a un máximo de 180 persoas e as prazas asignaranse por orde de inscrición. Pode obterse máis información sobre taxas e matrícula poden consultarse os enderezos web www.icoiig.es; www.coit-topografia.es, www.coitagalicia.org, ou no número de teléfono móbil 628 469 505. Unha vez rematadas as xornadas, todas as persoas inscritas recibirán o correspondente diploma/certificado acreditativo, ao tempo que poderán beneficiarse dun desconto do 50% na matrícula para os cursos básicos e avanzados de piloto de drones/RPA organizados a través do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e AeroLugo.