Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC acolle a entrega de premios da D3Mobile Metrology World League

O salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC acolle este mércores, a partir das 12.30 horas, a gala de entrega de premios da cuarta edición do D3 Mobile Metrology World League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil promovido polo grupo USCAN3D da USC e no que colaboran o Centro Español de Metroloxía e o Instituto Xeográfico Nacional.

A cerimonia, presidida polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, desenvolverase no marco dunha xornada que comezará ás 10:30 e durante a que os asistentes poderán realizar visitas guiadas a distintas instalacións e aos laboratorios de investigación do centro universitario lucense, ademais de visualizar o manexo dun tracto guiado por GPS. O público que desexe asistir a estas actividades pode poñerse en contacto previamente coa organización no mail d3mobile [at] usc.es (d3mobile[at]usc[dot]es). A entrada á entrega de premios é libre.

O acto de clausura e entrega de premios desta experiencia educativa aprendizaxe STEM e divulgación científica no ámbito escolar reunirá na EPS do campus de Lugo aos responsables académicos do proxecto así como a representantes das distintas entidades, institucións e empresas que patrocinan ou colaboran co desenvolvemento da D3Mobile Metrology World League, entre as que figuran a Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), o Programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Fundación Vodafone España, Fundación Barrié, a Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía, empresas como Universia, revista Educación 3.0 ou a multinacional española BQ, ademais de asociacións de pais de alumnos, sindicatos e centros educativos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2016.