Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, á cabeza na formación de asesores de explotacións agrarias

Asistentes ao curso de formación de asesores en aconsellamento rural, no edificio Cactus do Campus Terra da USC
Asistentes ao curso de formación de asesores en aconsellamento rural, no edificio Cactus do Campus Terra da USC
Profesionais do sector agrogandeiro egresados do Campus Terra da USC participan nun programa acreditado de formación específica impartido polo alemán Jochen Currle

O edificio Cactus do Campus Terra da USC acolle desde este xoves ata o sábado 10 de setembro un curso de formación para asesores de explotacións agrarias, un módulo estruturado en catro créditos académicos que está coordinado polo profesor da USC Florentino Díaz Rodríguez e cuxa superación é obrigatoria para a obtención do certificado europeo Cecra.

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC é na actualidade a única entidade que está a ofertar este tipo de programas formativos específicos, un feito que converte ao centro universitario lugués no principal referente na formación de asesores de explotacións agrogandeiras en España e Portugal. O formador alemán Jochen Curlee é o encargado de impartir as sesións teóricas e prácticas incluídas no programa deste curso de formación continúa da USC, no que formalizaron a súa matrícula un total de 24 profesionais en exercicio, todos eles enxeñeiros agrícolas e agrónomos, así como veterinarios formados nas distintas facultades e escolas do Campus Terra da USC. Os obxectivos que pretenden os promotores deste programa formativo dirixido a profesionais do asesoramento rural, tanto particulares como de empresas ou da Administración, pasan por mellorar a eficacia dos actuais servizos de aconsellamento, a través da actualización de coñecementos, mellora da cualificación e da formación periódica e continuada dos asesores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2016.