Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior celebra o X aniversario da titulación de Enxeñaría Civil na USC cun acto institucional

Durán Fuentes, Vázquez Mourelle, López Orozco, Gacía Herradón, Bueno Lema, Santos e Gázquez, na Escola Politécnica
Durán Fuentes, Vázquez Mourelle, López Orozco, Gacía Herradón, Bueno Lema, Santos e Gázquez, na Escola Politécnica
Responsables académicos, políticos e profesionais urxen inversión pública para garantir o futuro unha disciplina que favorece o benestar das persoas, dixo García Herradón

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo celebrou este xoves o décimo aniversario da titulación de Enxeñaría Civil na Universidade de Santiago cun acto institucional que congregou a representantes políticos das administracións local, provincial e autonómica, así como á presidenta do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas, ademais dun nutrido grupo de docentes, estudantes de Enxeñaría Civil, profesionais e titulados xa egresados do centro universitario lugués. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidiu a sesión, que comezou cun relatorio sobre as pontes romanas en Galicia, a cargo do doutor enxeñeiro en Camiños, Portos e Canais, Manuel Durán Fuentes, e durante a que se procedeu á entrega de diplomas e insignias aos titulados/as en Enxeñaría Civil xa egresados/as da Escola Politécnica que no seu día obtiveron os Premios Extraordinarios da titulación de Enxeñaría Civil. A relevancia da Enxeñaría Civil, considerada como a máis antiga das enxeñarías e cuxas actividades profesionais asociadas, presentes nos distintos, por non dicir en todos os ámbitos da sociedade, sempre orientadas a garantir e mellorar o grao de benestar das persoas, tal e como subliñou o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, foron dúas das ideas máis reiteradas no transcurso desta sesión, na que tamén quedou de manifesto a actual conxuntura de dificultade pola que atravesa a Enxeñaría Civil por mor da redución da inversión pública. A presidenta do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas, Paloma Gázquez Collado. reivindicou na súa intervención a conveniencia de non agardar ao crecemento económico para favorecer a inversión pública, posto que é a inversión a que conduce ao posterior desenvolvemento económico. Gázquez Collado tamén apuntou que a actual situación de crise obriga aos enxeñeiros civís a inventarse de novo para desenvolver a súa actividade en eidos diferentes aos tradicionais, tales como poden ser as TIC, enerxías renovables, planificación urbanística... Neste senso, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, sinalou a área de hidroloxía e a xestión e depuración de augas como campus de actuación dunha profesión “moi fermosa e versátil” como é a Enxeñaría Civil. O alcalde de Lugo, José López Orozco, tamén fixo propia esta demanda de máis inversión pública. Así, logo de cualificar de “grave erro” as políticas de austeridade e recortes impulsadas polos dirixentes da Unión Europea, o rexedor lugués reiterou a súa aposta polo coñecemento, “a maior fonte de riqueza que temos en Lugo” como vía para un maior desenvolvemento económico que xere emprego e benestar. O director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema, lembrou na súa intervención a evolución experimentada pola titulación de Enxeñaría Civil desde a súa implantación no campus de Lugo da USC no curso 2003-2004 como Enxeñaría Técnica en Obras Públicas coa especialidade en Servizos e Transportes Urbanos. A transformación desta enxeñaría técnica en grao ampliou a duración da titulación e tamén as competencias dos enxeñeiros aos ámbitos da hidroloxía, construción, transportes, servizos... Ao longo dos dez anos de vida da titulación, a EPS egresou máis de 220 enxeñeiros civís, dixo Javier Bueno, quen logo de felicitar a estudantes, titulados e docentes polo éxito dunha titulación como a de Enxeñaría Civil, cuxa implantación no campus lugués veu reforzar o seu potencial e as súas áreas de actuación. O proxecto dun novo edificio para acubillar a titulación de Enxeñaría Civil e as instalacións necesarias para as súas tarefas de docencia e investigación constitúe outro dos retos aínda pendentes deste título grao universitario. O deputado provincial delegado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, sinalou no acto que a Deputación Provincial de Lugo mantén o compromiso para esta infraestrutura tan pronto como a situación económica o permita. Enxeñeiros civís que recibiron diplomas e insiginas e público asistente ao acto

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2014.