Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior celebra este sábado o acto de graduación da primeira promoción dos seus cinco graos de enxeñaría

A cerimonia, na que participarán 107 estudantes que completaron os títulos de grao nos últimos catro anos, comezará ás 17.30 horas no auditorio Gustavo Freire de Lugo

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC celebrará este sábado, día 7 de xuño, a partir das 17.30 horas, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, o acto de graduación da primeira promoción das titulacións de grao en enxeñaría impartidos no devandito centro universitario.

Esta cerimonia académica, que por vez primeira agroma todos os enxeñeiros da mesma promoción de graduados na EPS, terá como principais protagonistas os/as 107 estudantes que completaron os títulos de grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias e En xeñaría en Xeomática e Topografía durante o período 2010-11/2013-14. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirá a celebración desta sesión, na que tamén intervirán o alcalde de Lugo, José López Orozco; a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema. Os presidentes dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas de Lugo, Ourense e da Coruña e Pontevedra, Armando Rey, Manuel Rojo e Rafael José Muíños, respectivamente, tamén participarán nesta sesión. A celebración deste acto de graduación conxunto da primeira promoción de titulados dos cinco graos de enxeñaría impartidos na actualidade na Escola Politécnica Superior cederá un protagonismo individualizado para cada título. Daquela, os estudantes de cada un dos graos estarán acompañados no acto polo seu padriño ou madriña e tamén contarán cos seus respectivos voceiros/as. Ao remate da entrega de insignias e diplomas, a sesión concluirá cunha actuación do grupo vocal Solo Voces.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2014.