Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior celebra este venres o Día Forestal cunhas xornadas técnicas e a plantación dunha árbore

Remata hoxe a inscrición nas sesións sobre deseño, execución e física da construción en madeira que desenvolverá o día 21 Pemade no salón de actos da EPS

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo celebrará este venres, día 21 de marzo, o Día Forestal Internacional coa organización dunhas xornadas técnicas nas que distintos relatores abordarán aspectos claves do deseño, execución e física da construción de edificacións en madeira, e coa plantación dunha árbore nos xardíns interiores do centro universitario lugués.

As xornadas técnicas sobre a construción de edificacións en madeira organizadas pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC desenvolveranse ao longo de toda a xornada, de 9.00 a 20.30 horas, no salón de actos do centro universitario lugués. As persoas que estean interesadas en participar neste foro monográfico e especializado sobre as construcións de madeira aínda poden formalizar hoxe a súa inscrición a través da páxina web www.usc.es/pemade/jornada-tecnica.html. O número de prazas para participar como asistente nestas xornadas técnicas é limitado. O acto central da celebración do Día Forestal na Escola Politécnica de Lugo será a plantación dunha árbore nos xardíns interiores do centro. O director da EPS, Javier Bueno Lema; a subdirectora de Prácticas e Orientación Laboral do centro universitario, Rosa Romero, e o enxeñeiro italiano Elia Terzi levarán a cabo esta plantación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2014.