A Escola Politécnica Superior celebra este xoves o X aniversario da titulación de Enxeñaría Civil na USC cun acto institucional
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo celebrará este xoves, día 13 de febreiro, o décimo aniversario da titulación de Enxeñaría Civil da USC cun acto institucional que se desenvolverá, a partir das 11.00 horas, no salón de actos do devandito centro universitario.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, será o encargado de guiar a sesión, que reunirá na Escola Politécnica Superior de Lugo alumnos e enxeñeiros xa titulados, ademais de docentes e diversos representantes e cargos políticos das administracións local, provincial e autonómica, ademais da presidenta do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas, Paloma Gázquez Collado. O enxeñeiro de Camiños Portos e Canais e responsable da empresa que dirixiu os traballos de rehabilitación da vella ponte romana de Lugo, Manuel Durán Fuentes, ofrecerá nesta sesión un relatorio baixo o título ‘Enxeñaría de pontes: as pontes romanas en Galicia’. Este acto institucional, no que tamén intervirán o alcalde de Lugo, José López Orozco; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; a directora da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Ethel María Vázquez, e o director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Javier Bueno, contempla a entrega de diplomas e insignias aos enxeñeiros xa titulados que acadaron os premios extraordinarios da titulación nos seus dez anos de vida. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, será o encargado de pechar esta cerimonia institucional, trala que todos os asistentes poderán compartir un ágape na cafetería da Escola Politécnica.