A Escola Politécnica Superior conmemora o Día Forestal coa plantación dunha árbore nun dos xardíns interiores do centro

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo conmemorou este venres, día 21 de marzo, o Día Forestal Mundial coa plantación dunha arbore, concretamente un serbal dos cazadores, unha especie caducifolia, de tamaño mediano e pertencente á familia das rosáceas, nun dos xardíns interiores do centro.
O enxeñeiro italiano, Elia Terzi, que está a participar como relator nas xornadas técnicas ‘ Aspectos clave do deseño, execución e física da construción de edificacións en madeira’, foi o encargado de enterrar esta árbore no transcurso dun acto simbólico no que tamén participou o director da EPS, Javier Bueno, así como outros membros do equipo de dirección e varios profesores do centro universitario lugués. Máis de 100 participantes nas xornadas técnicas As xornadas técnicas ‘Aspectos clave do deseño, execución e física da construción de edificacións en madeira’, organizadas pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC en colaboración con Confemadera Hábitat Galicia e Finsa no marco das actividades formativas complementarias do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, congregan este venres a máis dun centenar de profesionais do sector da madeira procedentes do cuadrante noroeste peninsular. A maioría dos 107 profesionais inscritos neste foro técnico son galegos, pero nestas sesións tamén participaron enxeñeiros, arquitectos, profesores, persoal de centros de investigación, arquitectos técnicos e profesionais do sector da madeira procedentes de Asturias, Castela e León, Madrid, Cantabria e Euskadi. O profesor da USC e director do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, Manuel Guaita, foi o encargado de abrir este foro, no que, de seguido, o enxeñeiro italiano Elia Terzi abordou algunhas das claves a ter en conta no deseño e construción de edificios de madeira. Os ensaios sobre edificacións en madeira desenvolvidos en laboratorios e a análise do comportamento térmico e acústico das casas de madeira, así como doutras posibles solucións construtivas foron outros dos temas abordados neste foro. O obxectivo desta xornada técnica, que serviu tamén de marco de presentación da nova páxina web de Pemade (www.pemade.com) pasa pola mellora da formación dos profesionais, a fin de que aprendan a empregar a madeira na construción, lle perdan o medo ao uso deste material e demanden a súa utilización. Os promotores destas xornadas entenden que se os enxeñeiros e arquitectos, que son os que deciden os materiais empregados na construción, demandan o uso de madeira, esta decisión provocará que toda a cadea monte-industria se valorice, o que incrementará o valor engadido da madeira e, en consecuencia, o valor dos montes. Asistentes ás xornadas técnicas sobre construción de edificacións de madeira organizadas por Pemade na Escola Politécnica Superior