A Escola Politécnica Superior despide unha das súas últimas promocións de enxeñeiros técnicos agrícolas
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo despide unha das súas últimas promocións de titulados/as en Enxeñaría Técnica Agrícola no marco dun acto institucional no que se formalizou a entrega das insignias da profesión aos novos titulados, por xentileza dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas de Lugo, A Coruña e Pontevedra, ao tempo que tamén se recoñeceu aos autores dos mellores proxectos de fin de carreira na convocatoria do ano 2013.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidiu esta cerimonia académica, durante a que o director da Escola Politécnica do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, defendeu o futuro da profesión de enxeñeiro técnico agrícola, á que lle aventura un bo futuro, en parte polo reto que supón para a sociedade garantir o suficiente subministro de alimentos e produtos para cubrir as necesidades básicas dunha poboación cada vez máis numerosa. Bueno Lema tamén animou aos novos titulados a non esquecer a súa relación coa Escola Politécnica Superior de Lugo, ben a través dos distintas programas de formación continua, ben coa súa matrícula nos cursos que permiten a adaptación do título de enxeñeiro/a técnico/a agrícola ao novo grao, ou tamén nos distintos másteres e programas de doutoramento que oferta o centro. O presidente do Colexio Oficial de Enxeñerios Técnicos Agrícolas de Lugo, Armando Rey Rodríguez, e o seu homólogo do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña e Pontevedra, Rafael José Muiños Moreno, informaron aos novos enxeñeiros/as da actividade e do cometido destes órganos colexiados, ao tempo que os invitaron a pasar a integrarse nestes órganos profesionais para, entre outras cousas, “manter unha conciencia de profesión”, dixo Muiños. O secretario Xeral do Consello Xeral de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España, Ignacio Hernando Sotillo, ofreceu o ‘Do perito agrícola ao graduado en Enxeñaría Agrónomica’, unha intervención na que repasou a historia e a evolución experimentada polos estudos de enxeñaría técnica agrícola desde o seu nacemento ata a actualidade, na que esta formación aparece estruturada nun título de grao. Premios Fin de Carreira O enxeñeiro técnico agrícola, na especialidade de Mecanización e Construcións Rurais, Manuel Figueira Prego, obtivo o primeiro premio Fin de Carreira 2013 cun proxecto desenvolvido baixo o título ‘Proxecto de construción de nave para a fabricación de cisternas de purín’. Na especialidade de Explotacións Agropecuarias, o primeiro premio Fin de Carreira 2013 recaeu en Natalia Carballal Candia, que participou nesta convocatoria cun traballo co título ‘Aproveitamento de 65 hectáreas en base a rotación de 41 cabezas de vacún e 21 cabezas de equino con cebadeiro para 30 becerros no monte do porto de Irixoa, Muras, Lugo’. Os dos enxeñeiros premiados nesta convocatoria foron obsequiados con cadanseu premio en metálico de 750 euros, así como cunha insignia de ouro e o correspondente diploma.
Fabiola Figueira Crespón, María Balbina Álvarez e Cristina Losada son os autores doutros proxectos premiados na especialidade de Mecanización e Construcións Rurais. O xurado tamén distinguiu os proxectos de Explotacións Agropecuarias presentados por Laura Seoane, Cristina García, Juan Losada e Lourdes López. Enrique Álvarez obtivo un premio polo seu proxecto de Hortofloricultura e Xardinería. Na especialidade de Enxeñaría Técnica Agrícola en Industrias Agrarias e Alimentarias tamén foron recoñecidos os proxectos de fin de carreira presentados por Liliane Claro, Sandra Costa, Nieves Río e Hiran Varela. Estes galardóns non teñen dotación económica.