A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC formará a investigadores de Uzbekistán en estratexias e xestión de auga
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC formará en estratexias e xestión de auga a investigadores de Uzbekistán, un país que está a rexistrar importantes problemas de abastecemento e de disposición de recursos hídricos para a rega de cultivos por mor das políticas practicadas polos gobernos da xa desaparecida URSS, que, logo de facer prioritario o cultivo de algodón, habilitou múltiples canles que danaron de morte o caudal do río Syr Darya, un dos principais leitos fluviais de Asia Central que, na actualidade, presenta importantes danes ecolóxicos que incluso o privan de chegar ao Mar de Aral.
A problemática que representa a auga e a administración e xestión dos recursos hídricos en Uzbekistán, onde se está a acudir a acuíferos subterráneos para poder satisfacer as necesidades de auga de diversos cultivos agrícolas, é un dos motivos polos que o vicerreitor de Asuntos Económicos e Orzamentos da Universidade de Burkhara, Omin Rahimov, optara por acudir á EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC para mellorar a súa formación neste eido a través dos estudos de doutoramento.
A primeira relación deste investigador uzbeko coa EPS de Enxeñaría data de hai xa máis dunha década, cando Omin Rahimov recalou no Campus de Lugo a través dun Erasmus Plus e logo, cunha bolsa do Goberno do seu país, completou o Diploma de Estudos Avanzados (DEA), un traballo centrado xa nos recursos hídricos de Uzbekistán y e coordinado polos profesores Carlos Álvarez e Tomás Cuesta García.
A culminación deste estudo, desenvolvido aínda nunha primeira fase, centrará a futura tese doutoral de Rahimov. Alén desta cuestión académica, o agora vicerreitor de Asuntos Económicos e Orzamentos da Universidade Estatal de Burkhara tamén busca na sede universitaria luguesa, en particular, e na USC, nun contexto máis amplo, un aliado cara a mellora progresiva da reputación internacional da súa universidade de procedencia.
Rahimov aproveitou a súa visita a Lugo para trasladar a máxima disposición da Universidade de Burkhara a estreitar a súa colaboración coa USC en todos os ámbitos posibles. A formación de doutores é unha das principais eivas da universidade uzbeka, que ofrece todas as facilidades ao seu alcance para custear estadías de docencia e investigación de profesores da USC en Uzbekistán, ademais de para colaborar en congresos, publicacións científicas, proxectos de I+D+i, intercambio de alumnado e de profesorado.
O vicerreitor de Asuntos Económicos e Orzamentos da Universidade de Burhkara aproveitou a súa última estadía no Campus de Lugo para manter un encontro institucional coa Vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel, así como o adxunto á vicerreitoría de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, para avaliar as posibilidades de que a Universidade de Burkhara e a USC asinaran nas vindeiras datas un convenio marco de colaboración.