Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior de Lugo acolle este xoves o acto de entrega de premios da D3Mobile Metrology World League

A Escola Politécnica Superior do campus de lugo acollerá este xoves, a partir das 12.00 horas no salón de actos do centro, a cerimonia de clausura e entrega de premios aos gañadores da D3Mobile Metrology World League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Uscan3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), e patrocinado pola Fundación Vodafone, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, entre outros.

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, será o encargado de presidir a cerimonia de entrega de premios deste torneo, un certame internacional orientado á promoción do estímulo científico entre os escolares de ensino medio no que tomaron parte 200 equipos formados por estudantes de ESO e Bacharelato de 142 centros educativos de 24 países de Europa, África, Asia e América. O Deputado provincial delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, o subdirector xeral de ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Manuel Vila; Rosendo Amor, en representación da Fundación Vodafone España (FVE); a secretaria académica en funcións da Escola Politécnica Superior de Lugo, Ana Isabel García Arias; a profesora da USC e coordinadora do grupo USCAN-3D da USC, Mariluz Gil Docampo; e o tamén profesor da USC e director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz Sanz, tamén intervirán no transcurso deste acto. Todos os integrantes dos equipos gañadores das distintas modalidades do certame convidados a participar nesta sesión poderán completar, de 11.00 a a12.00 horas, unha visita por diversas instalacións e laboratorios de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2014.