A Escola Politécnica Superior de Lugo cede a produción das súas hortas de prácticas para fins sociais

O Banco de Alimentos da capital lucense procederá á recollida de todos os produtos hortícolas do terreo para repartilos entre os seus usuarios
Durante o curso que agora remata, os profesores e o alumnado das materias Horticultura e Agricultura Ecolóxica impartidas no Grao de Enxeñería Agrícola e do Medio Rural da Escola Politécnica Superior de Lugo crearon como parte das prácticas das materias unhas pequenas hortas para poñer en práctica técnicas de cultivo en ecolóxico con distintas plantas hortícolas: acelgas, feixóns, colinabos, cabaciños, tomates, pementos e leitugas. Neste momento no que as clases xa remataron e as hortas (situadas na zona de Sanfiz, nas proximidades do Campus de Lugo) están a pleno rendemento produtivo, responsables da EPS contactaron co Banco de Alimentos de Lugo para que estes produtos sexan recollidos e distribuídos entre os seus usuarios.