A Escola Politécnica Superior de Lugo celebra o acto de graduación da XLII promoción de Enxeñaría Técnica Agrícola
A Escola Politécnica Superior de Lugo celebra a graduación da XLII promoción dos estudantes de Enxeñaría Técnica Agrícola nun acto que terá lugar no Salón de Actos do centro o venres 15 a partir das 17.30 horas. A cerimonia estará presidida polo vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do Campus de Lugo, Pablo Ramil Rego, que estará acompañado pola vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez; a concelleira de Educación do concello de Lugo, Esther Muñoz; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas da Coruña e Pontevedra, Rafael Muíños; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Armando Rey; e o director da EPS de Lugo, Javier Bueno. No acto de graduación participarán tamén os padriños de cada unha das catro especialidades da titulación: Mario Hernández Rodríguez (Explotacións Agropecuarias), María Isabel Iglesias Díaz (Hortofruticultura e Xardinería), Juan Mesas Mesas (Industrias Agrarias e Alimentarias) e Manuel Méndez Lodos (Mecanización e Construcións Rurais), todos eles profesores da Escola Politécnica Superior de Lugo. Así mesmo intervirán os alumnos Andrés Sánchez Fernández, Laura Seoane Novo e Diego García Arias en representación dos estudantes desta cuadraxésimo segunda promoción, que recibirán os correspondentes diplomas, así como a banda, unha orla e un pin conmemorativo do acto, que contará coa actuación musical dos alumnos Francisco Pardal González e Roberto Besteiro Doval.