Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior de Lugo formou 155 enxeñeiros/as en Topografía nos dez anos de vida desta titulación única no SUG

Entrega de diplomas aos titulados/as en Topografía distinguidos con premios extraordinarios da titulación
Entrega de diplomas aos titulados/as en Topografía distinguidos con premios extraordinarios da titulación
O vicerreitor Pablo Ramil presidiu este xoves o acto institucional do décimo aniversario da implantación da titulación de Enxeñaría en Xeomática e Topografía na USC

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo egresou un total de 155 enxeñeiros en Topografía (138 enxeñeiros/as técnicos/as en Topografía e 17 graduados/as en Enxeñería en Xeomática e Topografía) desde o curso 2003-2004, data na que se implantou no campus de Lugo esta titulación, que ata o momento non existía na oferta académica do Sistema Universitario Galego (SUG), segundo puxo este xoves de manifesto o director da EPS, Javier Bueno Lema, no acto institucional conmemorativo dos dez anos da implantación destes estudos na USC, unha cerimonia que serviu para poñer en valor a importancia da formación en Xeomática e Topografía, así como distinguir aos titulados/as das oito promocións xa egresadas do centro lugués que merecen Premios Extraordinarios. O vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil Rego, presidiu a celebración deste acto institucional, que comezou cunha intervención do decano do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos en Topografía, Andrés Díez Galilea, que, logo de facer un diagnóstico a realidade da profesión e informar sobre as actuacións que desenvolve o órgano colexiado cara a inserción laboral e futuro profesional, aventurou un futuro esperanzador para a profesión, tanto polo esperado final da crise económica e a ansiada recuperación da obra pública como polas novas esixencias normativas asociadas á ordenación do territorio e ao urbanismo. Esta celebración institucional, na que tamén participaron como relatores o xefe do Observatorio Xeofísico de Santiago, Luís Mendoza Barros; o subdirector do Departamento Técnico do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Alfredo Fernández Ríos; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e o alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco, serviu tamén para facer un breve percorrido pola aínda curta historia desta titulación no campus de Lugo e tamén para poñer de relevo a importancia dos coñecementos de xeomática, cartografía e topografía, por tratarse de formación transversal que tamén está presente noutras titulacións universitarias, ademais de pola súa utilidade práctica. Asistentes ao acto conmemorativo do décimo aniversario da implantación dos estudos de Topografía na USC celebrado na Escola Politécnica Superior

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2014.