Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior de Lugo impartirá o vindeiro curso o Máster en Enxeñaría para o medio rural

O director do centro e os coordinadores do máster explicaron os seus contidos e o sistema de acceso
O director do centro e os coordinadores do máster explicaron os seus contidos e o sistema de acceso
Este máster enmárcase no Programa Oficial de Posgrao de Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural

A Escola Politécnica Superior de Lugo impartirá o vindeiro curso 2007-08 o Máster en Enxeñaría para o Medio Rural, titulación oficial do POP Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural que coordinan os profesores Ramón Velo e Carlos Álvarez. O número de prazas totais ofertadas é de 32, sendo 5 reservadas para os estudantes que cursen o máster a tempo parcial, unha novidade dos POP para o vindeiro ano académico.
O novo máster pretende formar enxeñeiros especializados na xestión do medio rural, no desenvolvemento de proxectos, de infraestruturas, industrias agroalimentarias, explotacións agrícolas e gandeiras, incluíndo a xestión e dirección das mesmas, así como a planificación territorial. O programa de estudos conta cun módulo de prácticas en empresas do sector e a realización dun traballo de fin de máster.
O posgrao presentouse este martes na EPS, nun acto ao que asistiron o director do centro, Javier Bueno, e os seus coordinadores, que explicaron que o enxeñeiro en Medio Rural ten como misión contribuír a resolver os problemas da produción primaria relacionados coa transformación de produtos agroforestais, o cálculo de infraestruturas rurais ou a xestión do territorio, para deste xeito mellorar o nivel de vida da poboación rural baseándose nun emprego eficiente dos recursos.
O máster conta con dúas vías de acceso; os enxeñeiros accederán directamente ao segundo curso pero, en función da súa especialidade, pode ser necesaria a realización de créditos de formación adicional. Por outra banda, os enxeñeiros técnicos, os licenciados e diplomados deberán cursar os dous cursos e tamén de acordo coa súa especialidade pode ser necesario cursar outros créditos.
O curso estrutúrase en catro módulos diferentes. O primeiro, que se desenvolverá en quenda de mañá dende o 1 de outubro ata o 8 de febreiro, inclúe os conceptos xerais relacionados coa construción rural, a enxeñaría eléctrica, a enxeñaría da auga ou os procesos de produción agraria. O segundo, do 11 de febreiro ao 6 de xuño, trata conceptos aplicados sobre as tecnoloxías das industrias agroalimentarias, a organización e xestión da empresa rural, a xestión e contaminación de espazos ou a enxeñaría da produción animal, entre outros aspectos.
O 3º módulo desenvolverase en quenda de tarde do 1 de outubro ao 8 de febreiro e nel estudaranse conceptos específicos como a enerxía e o desenvolvemento sustentable, a innovación tecnolóxica, a xestión da produción agroindustrial ou a xestión económica do medio rural.
Como remate ao máster, dende febreiro a xullo os alumnos realizarán os módulos 4 e 5 consistentes nas prácticas en empresas do sector e no proxecto final.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2007.