Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior de Lugo oferta este curso máis de 170 prácticas en empresas

Os estudantes poden presentar as solicitudes ata o 7 de abril

A Escola Politécnica Superior de Lugo fixo pública a convocatoria de prácticas en empresas e outras entidades públicas e privadas para este ano académico. O prazo de presentación de solicitudes, que se poden descargar xa da web http://www.lugo.usc.es/epslugo/Practicas%20en%20empresas/practicasenempresa.htm, permanecerá aberto ata as 14:00 horas do vindeiro 7 de abril.
Nesta convocatoria ofértanse un total de 178 postos en prácticas, moitos deles remunerados, dirixidos aos alumnos e alumnas de primeiro ou segundo ciclo de calquera das seis titulacións que se cursan na EPS, as Enxeñarías Técnicas Agrícola, Forestal, de Obras Públicas e en Topografía, e as Enxeñarías Agrónoma e de Montes, que teñan superados máis da metade dos créditos.
A Escola Politécnica foi un dos primeiros centros do Campus de Lugo en ofertar este tipo de actividade formativa, co fin de complementar a formación académica do estudantado. No curso 1997-1998, vinte alumnos beneficiáronse destas prácticas en empresas, unha cifra que se multiplicou por oito o ano pasado, con 166 persoas matriculadas. O éxito destas prácticas ofertadas pola Escola Politécnica queda reflectido non só no número de estudantes matriculados, senón tamén no grao de satisfacción que tanto alumnos como empresas amosan unha vez finalizadas. De feito, 92 de cada 100 alumnos valoran a experiencia cunha nota superior ao sete.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2010.