A Escola Politécnica Superior de Lugo recibe os 100 alumnos de novo ingreso admitidos nos cursos ponte
O venres 14 de setembro comezan as clases dos cinco cursos ponte que este ano se imparten por vez primeira na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. Por este motivo, a dirección do centro organizou un acto de benvida para os 100 estudantes de novo ingreso admitidos. O encontro será ás 16.00 horas no Salón de Actos do centro, e nel explicarase a organización académica destes cursos ponte, que terán como principal novidade o seu carácter semipresencial. No acto estarán presentes o director e o subdirector de Organización Académica da Escola Politécnica. Ao remate desta reunión de benvida darán comezo as clases, distribuídas en cinco grupos separados que se corresponden con cada un dos graos ofertados pola EPS: Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Xeomática e Topografía. Os cursos ponte ou de adaptación son a vía que permite que os enxeñeiros técnicos da anterior ordenación dos estudos universitarios poidan adaptar a súa titulación ao Espazo Europeo de Educación Superior e obter o título de Grao que se corresponda coa enxeñaría técnica que cursaron. A Escola Politécnica Superior ofertou 100 prazas nos cinco cursos ponte organizados, para as que se presentaron un total de 243 solicitudes. Os 143 estudantes que quedaron sen praza terán a oportunidade de acceder en futuras convocatorias, pois a intención do centro e manter a súa oferta nos próximos cursos académicos.