A Escola Politécnica Superior de Lugo traballa na viabilidade da certificación FSC para plantacións de caucho en Colombia e Brasil

A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior de Lugo mantén aberta unha liña de investigación relacionada coa certificación de calidade da xestión forestal FSC. O proxecto naceu co obxectivo inicial de estudar a viabilidade desta acreditación nas plantacións de caucho natural en Colombia e propoñer uns estándares de calidade específicos para este tipo de cultivo, “pero logo estendemos o estudo tamén a plantacións de caucho en Brasil, incluíndo o desenvolvemento dunha metodoloxía para a implantación do selo en grandes compañías; e finalmente aproveitamos para analizar de modo comparativo a problemática da certificación FSC nestes dous países e en España”, indica Alberto Rojo Alboreca, coordinador da UXFS e responsable desta liña de traballo, na que ademais colaboran e ntidades dos tres países: CERNA Ingeniería y Asesoría Medioambiental (España), Llanocaucho (Colombia), e Plantações Michelin de Bahia, Lateks Comunicação e o Departamento de Economía Rural da Universidade Federal de Viçosa (Brasil). Os resultados deste estudo recóllense na tese de doutoramento da estudante colombiana Ivonn Pulido Sierra, denominada ‘Viabilidade da certificación forestal FSC en plantacións: estudo comparativo de casos en Colombia, Brasil e España’, dirixida por Alberto Rojo e que está en fase de redacción. Máis alá deste traballo, Rojo colabora con FSC-España desde 2001, primeiro como membro do grupo de traballo que elaborou as normas para o noso país (aprobadas en 2006), e logo como integrante das comisións que incorporaron as sucesivas melloras e modificacións; ademais, foi membro da xunta directiva da sección española de FSC entre 2011 e 2012 e preside o Grupo Galego de Apoio á certificación FSC (que ten a súa sede na Escola Politécnica), desde o que se organizan xornadas e relatorios para dar a coñecer este selo de calidade. Requisitos e beneficios O Forest Stewardship Council (FSC), creado en 1993, foi o primeiro sistema de certificación forestal de ámbito mundial; trátase dunha ONG independente, internacional e sen ánimo de lucro integrada na actualidade por máis de 600 membros de 73 países, e que esixe uns estándares xerais para a calidade que se adaptan a cada tipo de bosque. FSC marca as normas que se deben cumprir, pero deixa en mans de terceiros as avaliacións ou auditorías, o que garante a súa transparencia e independencia. Máis de 80 millóns de hectáreas de bosques están xa acollidas a este selo en todo o mundo. Os beneficios da certificación FSC chegan por múltiples vías. Para os xestores e propietarios forestais, é unha ferramenta que mellora a planificación e o acceso aos mercados; para as comunidades locais (como os montes en man común), garante a súa participación na xestión e comercialización; para os traballadores forestais, asegura o cumprimento dos seus dereitos e condicións laborais; para os consumidores, informa sobre a orixe dos produtos que compra e permite a súa participación (neste caso indirecta) na conservación forestal; para as empresas do sector forestal é unha ferramenta de mercado que outorga valor engadido aos seus produtos e mellora a súa imaxe; para os gobernos, axuda ao fomento de políticas de xestión forestal sostible; e para os investidores asegura a viabilidade económica e a ausencia de conflitos sociais. O selo FSC vai máis alá do propio produto xa que, en realidade, a madeira non ten que cumprir requisito ningún, pois non é a madeira en si o que se certifica, senón a xestión que se leva a cabo no monte para obtela. Mediante o selo FSC preténdese promover unha xestión forestal sostible dos bosques do planeta, atendendo aos principios de responsabilidade ambiental, beneficio social e viabilidade económica, ao tempo que se prioriza a entrada no mercado de produtos procedentes de madeira certificada. Valor engadido O selo FSC converteuse xa no selo de certificación máis demandado no mercado, principalmente polos seus beneficios, pola súa credibilidade e por posuír uns estándares de xestión cuxas esixencias sociais e ambientais son maiores que as doutros sistemas de calidade similares. FSC recibe o apoio de organizacións non gobernamentais (nomeadamente WWF e Greenpeace), de organizacións sociais, da industria forestal e de organismos oficiais de todo o mundo. De momento, a madeira comercializada baixo o selo FSC véndese máis cara. O exemplo máis claro témolo actualmente en Galicia, onde a madeira de eucalipto certificada se vende entre 2 e 3 euros máis por tonelada. “Esta situación hai que considerala conxuntural, pois todo apunta a que nun futuro se vai esixir cada vez máis este selo, e aqueles montes sen certificado FSC non van poder acceder a certos mercados, precisamente os que máis pagan pola madeira”, explica Alberto Rojo, quen aclara tamén que este sobreprezo “non está chegando ao consumidor final, e queda nas relacións comerciais entre empresas, que se esixen unhas ás outras este selo”. Todo tipo de produtos Na actualidade, e cada vez máis, pódense atopar todo tipo de produtos baixo o certificado FSC, desde un lapis a barcos ou casas enteiras, pasando por solos, portas, armarios, cadeiras, mesas, instrumentos musicais..., ademais do papel e calquera dos seus derivados, e de todos os produtos cuxo aproveitamento estea ligado á xestión forestal: por exemplo, a cortiza das botellas de viño, látex, caucho ou mesmo froitos, carne de caza e xamóns de porco ibérico. Para a difusión deste selo de calidade, FSC organiza numerosas xornadas ao longo do ano para divulgar as súas vantaxes. Unha vez que os xestores ou propietarios deciden certificar os seus montes, póñense en contacto con algunha das entidades de acreditación autorizadas e neste sistema (non ocorre o mesmo con outros) debe existir un acordo escrito entre xestores e propietarios si non son a mesma persoa ou entidade. Posteriormente, antes das auditorías, as entidades de certificación sondan entre todas as persoas ou entidades que poidan ter algún interese nos montes que se van certificar (mesmo aínda que non sexan os seus donos) e dáselle publicidade ao proceso para que sexa coñecido de maneira xeral. Só despois se levará a cabo a auditoría, da que se desprende un informe no que se recomenda ou non a certificación que, en caso positivo, se renova cada cinco anos con controis anuais. Visita de campo de Ivonn Pulido a plantacións de caucho natural afectadas polo fungo Microcyclus ulei, acompañada de produtores e técnicos no departamento do Guaviare, Colombia. Plantación de eucalipto (Eucalyptus globulus) certificada por FSC en Galicia Madeira certificada co selo de calidade forestal FSC



