Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior ofrece ao seu alumnado prácticas curriculares en máis de 400 empresas e institucións

O centro universitario lugués pecha o venres 13 o prazo de solicitude destas estadías formativas, recoñecidas con ata un máximo de 10 créditos ECTS

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo ofrece aos seus alumnos/as de grao e máster a posibilidade de desenvolver prácticas curriculares en máis de 400 empresas, entidade e institucións radicadas en todo o territorio español, nas que o cometido profesional a realizar está relacionado cos ámbitos das ensinanzas técnicas impartidas neste centro da USC.

Este programa de prácticas externas xa arraigado desde hai anos na Escola Politécnica Superior mantén como principal obxectivo facilitar que o alumnado coñeza o día a día dunha empresa e/ou institución, ao tempo que pon en práctica os coñecementos teóricos e prácticos adquiridos no seu paso polas aulas universitarias. A subdirectora de Prácticas da EPS, Rosa Romero, salientou que este programa pretende que o/a alumno/a entre en contacto co mundo laboral e adquira experiencia profesional durante o desenvolvemento destas estadías prácticas, que, na súa opinión, tamén actúan a xeito de escaparate para que os estudantes dean a coñecer as súa valía profesional e aumenten así as posibilidades de integrarse no mercado laboral unha vez rematados os estudos. O catálogo de entidades, empresas e institucións adheridas a este programa de prácticas externas promovido pola Escola Politécnica Superior de Lugo é moi amplo e supera xa as 400 colaboracións, entres as que se atopan empresas de maior ou menor tamaño, centros de investigación, administracións locais, autonómicas e estatais, que manteñen convenios co centro universitario lugués. As entidades colaboradoras ofrecen tamén unha ampla variedade de actividades profesionais, unha diversidade coa que se pretende abarcar todos os ámbitos de traballo dos futuros egresados da Escola Politécnica Superior. Daquela, os candidatos poden escoller estadías de formación práctica e teórica en gabinetes técnicos, consultorías, cooperativas, empresas de construción, viveiros, traballos de xardinería, traballos forestais, restauración ambiental, cárnicas, industrias e empresas leiteiras, conserveiras, centros de investigación... O programa de prácticas en empresas da EPS ten rexistrado unha moi boa acollida por parte do estudantado ao longo da súa xa dilatada traxectoria, tal e como o acredita o elevado número de participantes neste programa formativo. De feito, cómpre lembrar que o pasado curso tomaron parte nesta proposta educativa un total de 145 alumnos/as de grao e máster, unha cifra que se eleva a preto de 500 desde o exercicio 2009-2010. O grao de satisfacción que depara este programa de prácticas externas é moi alto, tanto entre os candidatos como nos receptores, como o proban as ofertas laborais e incluso as relacións contractuais que se formalizan con posterioridade á realización das estadías prácticas. A flexibilidade horaria e temporal para realizar estas prácticas, unha cuestión que establecen de común acordo entre as dúas partes e o recoñecemento académico destas estadías formativas externas con ata 6 ou 10 créditos, en función de tratarse de estudantes de grao ou de máster, constitúen tamén factores que contribúen ao éxito do programa. Convocatoria 2013-14 A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo manterá aberto ata o venres, día 13 de decembro, o prazo de solicitude de estadías profesionalizantes a través do programa de prácticas externas. As persoas interesadas poderán presentar as súas respectivas solicitudes na conserxería e/ou na secretaría do centro universitario lugués, onde tamén están dispoñibles os modelos de solicitude. As persoas interesadas en participar como usuarios/as na convocatoria deste programa de formación teórica e práctica correspondente ao curso 2013-14 poden consultar toda a información dispoñible a través da páxina web http://www.usc.es/eps, un enderezo electrónico que tamén poden acceder aos impresos de solicitude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2013.