Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior rende homenaxe ao profesor e fundador do LaboraTe da USC Rafael Crecente Maseda

Rafael Crecente
Rafael Crecente
A sesión, na que participará o ex director xeral de Agricultura e Investigación da UE, José Manuel Silva, desenvolverase a partir das 11.30 horas no salón de actos do centro

O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC organiza este venres 3 de xuño, ás 11.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, un acto de homenaxe ao que foi o seu fundador e coordinador durante moitos anos, o profesor e experto en xestión territorial Rafael Crecente Maseda, no marco dunha sesión aberta que contará coa presenza do ex Director Xeral de Agricultura e ex Director Xeral de Investigación da Unión Europea, José Manuel Silva Rodríguez.

O acto de recoñecemento, a través do todas as persoas que forman parte do LaboraTe da USC, queren recoñecer o importante traballo realizado polo profesor Crecente, quen destacou por ter participado e colaborado con outras universidades e institucións en numerosos proxectos e iniciativas de xestión territorial, tanto en Europa como en América, comezará coa exposición dunha breve biografía do homenaxeado. Ao seu remate, Silva Rodríguez ofrecerá unha charla sobre xestión territorial. O evento rematará, a xeito de clausura, coa entrega aos asistentes unha publicación dos traballos de fin de máster de terceiro e cuarto ano. O prólogo destas edicións corresponde a Inés Santé, actual directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo autónomo da Xunta de Galicia adscrito á Consellería de Medio Ambiente e que ten entre outros cometidos a realización de estudos e actividades de planificación para avanzar cara o equilibrio entre o mellor aproveitamento de recursos naturais de Galicia e a correcta conservación dos elementos definitorios do país. Currículo do homenaxeado Rafael Crecente Maseda foi profesor titular do Departamento de Exeñaría Agroforestal da Usc na Escola Politécnica Superior e faleceu en xullo de 2015. Era considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial tanto en Galicia como fóra do noso país, e o seu labor estivo vinculado coa investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT).

Rafael Crecente participou asemade e de xeito activo como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, onde impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado na Universidade de Múnich.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2016.