Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior súmase ao Día da Impresión 3D con sesións divulgativas e obradoiros prácticos

Cartaz do 3Dprinting Day 2015 na EPS
Cartaz do 3Dprinting Day 2015 na EPS
As persoas que participen este xoves nas actividades programadas co gallo do 3DPrinting Day recibirán como agasallo un logo da USC impreso en 3D

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC súmase á celebración do Día Internacional da Impresión 3D coa organización de distintas sesións divulgativas e obradoiros prácticos que se desenvolverán o xoves, día 3 de decembro, de 10.00 a 19.00 horas, na entrada da cafetería da EPS.

As actividades conmemorativas do 3DPrinting Day, promovidas polo equipo de dirección da EPS, o programa A Ponte do campus de Lugo, a profesora Rosana Guerra Pestonit e os tamén docentes e investigadores Mariluz Gil Docampo e Juan Ortiz Sanz, do grupo USCAN 3D da USC, están dirixidas a todos os membros da comunidade universitaria e tamén están abertas de xeito gratuíto ao resto da cidadanía interesada. O obxectivo desta celebración é achegar a tecnoloxía da impresión en 3D e dar a coñecer as súas múltiples aplicacións e utilidades a toda a poboación interesada, segundo indicaron os promotores do 3DPrinting Day, que tamén adiantaron que todas as persoas que se acheguen o xoves ao edificio da ampliación da EPS recibirán como agasallo un logo da USC impreso en 3D. As persoas que se acheguen ata a Escola Politécnica Superior para participar no programa de actos organizado co gallo do 3DPrinting Day poderán ver en directo como traballan as impresoras 3D, ademais de recibir ampla información respecto das aplicacións prácticas da impresión 3D para a docencia e a investigación, así como para o desenvolvemento da actividade profesional de todas as titulacións que oferta USC no seu campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2015.