A Escola de Relacións Laborais de Lugo inaugura o luns as II Xornadas de Cuestións xurídico laborais e de Seguridade Social de actualidade
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, inaugura este luns 21, ás 10:30 horas, a segunda edición das xornadas ‘Cuestións xurídico laborais e de Seguridade Social de actualidade’, que se celebrarán no Salón de Actos da Escola de Relacións Laborais do Campus de Lugo ata o día 23.
Na inauguración destas xornadas, nas que están inscritas algo máis de 160 persoas, participarán tamén a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro Rodríguez; o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández; o presidente da Fundación Campus, Alfredo Mosteirín; o delegado da Consellaría de Traballo, Miguel Vázquez Calvo; o vicepresidente primeiro da CEL, David Vilela, e a directora da Escola, Mercedes Montes.
O obxectivo destas xornadas, organizadas conxuntamente polo Consello de Relacións Laborais e a Escola luguesa, é dar unha visión actualizada dalgunha das novidades no complexo e cambiante mundo das relacións laborais utilizando para isto o intercambio de ideas e un debate sereno entre posicións distintas e ben fundamentadas.
O programa desenvolverase entre o luns 21 e o mércores 23 en horario de 9:00 a 19:00 horas. Os asistentes son na súa maior parte alumnos do Campus de Lugo, que recibirán un crédito de libre configuración, e organizacións sindicais e empresariais, ademais de graduados sociais.