A Escola de Relacións Laborais de Lugo organiza as súas segundas xornadas sobre acoso no traballo
A Escola de Relacións Laborais de Lugo organiza por segundo ano consecutivo as súas xornadas sobre acoso no traballo. O encontro desenvolverase os días 27 e 28 no propio centro, situado no Complexo Docente do Campus de Lugo, e estrutúrase a partir de relatorios e mesas redondas nas que se analizará a problemática do acoso laboral desde as súas múltiples perspectivas. A prevención de riscos psicosociais, o tratamento do mobbing desde os medios de comunicación, o acoso laboral no ámbito público, a importancia da formación e da implantación de ferramentas para a súa erradicación ou a perspectiva de xénero neste tipo de situacións serán algúns dos aspectos tratados nas xornadas. Docentes da USC, técnicos da Administración, responsables de organismos públicos do ámbito laboral, directores de recursos humanos do sector empresarial, membros de asociacións de loita contra o mobbing, representantes sindicais e xornalistas compoñen o programa do encontro, que se desenvolve ambos os días en horario de mañá e tarde. O acto de inauguración terá lugar o martes 27 ás 10.00 horas, e contará coa presenza da directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja García. O número de prazas é limitado, en función da capacidade do salón de actos da Escola, lugar de celebración das xornadas. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do teléfono 982 824 800 ou no propio centro.