A Escola de Universitaria de Enfermería de Lugo organiza a súa XVII xornada, centrada este ano na seguridade dos pacientes
A Escola de Enfermería do Campus de Lugo organizou o xoves 19 a súa XVII xornada anual, centrada nesta edición na seguridade dos pacientes de atención sanitaria. O encontro, no que tamén participou o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, desenvolveuse por primeira vez no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde se reuniron arredor de 350 asistentes, entre estudantes da titulación e profesionais do sector. Baixo o título ‘Aumentando coñecementos sobre seguridade: un compromiso co paciente’, o encontro tiña como obxectivo, en palabras dos organizadores, “dar a coñecer e promover a cultura de seguridade dos pacientes, ao tempo que se potencia unha comunicación aberta e planificada no contorno hospitalario, na procura da redución de eventos adversos e da conseguinte mellora na seguridade e calidade da atención”. A seguridade do paciente é unha das prioridades dentro das políticas sanitarias, e constitúe unha peza clave na mellora da calidade asistencial, tal e como o recollen nos seus plan, liñas de traballo e protocolos de actuación todos os organismos autonómicos, nacionais e internacionais do ámbito da sanidade, empezando pola Organización Mundial da Saúde. Relatores procedentes de todos os ámbitos O acto de inauguración da xornada estivo presidido polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial Bernárdez, quen felicitou á organización polo tema elixido para esta edición e destacou “a importancia do labor dos profesionais da enfermería na detección dos puntos febles na atención sanitaria; arredor da metade dos eventos adversos durante a hospitalización son evitables, e os enfermeiros e enfermeiras son quen mellor poden saber onde están os focos de riscos e axudar na súa erradicación”. Ademais de Félix Rubial, participaron no acto inaugural o director-xerente do Hospital Universitario Lucus Augusti, Francisco Vilanova Fraga; a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas; a directora da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, a Directora da Escola de Enfermería, Mª Asunción Núñez Magdalena; e a presidenta do colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello López. Ao longo do día desenvolvéronse unha serie de relatorios e mesas redondas sobre a seguridade dos pacientes, a importancia da comunicación como ferramenta para a mellora da calidade asistencial, a xestión informatizada da información clínica ou as estratexias para a resolución de conflitos. Enfermeiras, expertos en comunicación e calidade, responsables do ámbito sanitario da Administración autonómica e representantes de asociacións de usuarios serán os encargados de presentar as súas achegas nas diferentes sesións. Durante a xornada haberá tamén un tempo reservado para a presentación comunicacións, e arredor dunha trintena de pósters cos traballos chegados á organización da xornada estiveron expostos durante todo o día. O encontro clausurouse ás 18.30 horas cun acto presidido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas; e a Directora da Escola de Enfermería, Mª Asunción Núñez Magdalena. Vista xeral do público asistente á xornada, celebrada no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti Algúns dos pósters presentados durante a xornada