Escolares de 24 países participan no campionato do mundo de modelado 3D de precisión con teléfono móbil

A D3Mobile Metrology World League, un campionato internacional de modelado 3D de precisión con teléfono móbil pioneiro a nivel mundial e ideado e promovido polo Grupo de Investigación para a Documentación en 3D (USCAN3D) da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido pola profesora Mariluz Gil Docampo, en colaboración con outras entidades e organismos nacionais e internacionais, espertou o interese de profesores e alumnos pertencentes a 142 centros educativos de 24 países de Europa, América, Asia e África.
Os máis de 200 equipos participantes nesta segunda edición do campionato xa comezaron a traballar, aplicando os seus coñecementos de matemáticas, física, debuxo, informática e tecnoloxía a un xogo de investigación no modelado 3D de precisión, a metroloxía e a fotogrametría. Os organizadores deste certame, dirixido a escolares nados entre 1996 e 1998, pretenden fomentar as vocacións científicas entre os mozos/as, que serán os/as responsables de que a investigación conte coa relevancia que merece na sociedade futura, pero a D3Mobile Metrology World League tamén busca divulgar a importancia que para a sociedade moderna ten a metroloxía, a cultura xeográfica ou a accesibilidade, ademais de darlle un pulo á promoción da Universidade de Santiago de Compostela entre todo o colectivo escolar. Os participantes deberán levar a cabo dúas probas nas que terán que efectuar medidas sobre diversos obxectos. A segunda das probas permitiralles obter un modelo 3D que será valorado por votación popular de todo o público do campionato durante o mes de maio. Os equipos que realicen mellores medicións e reciban máis votos poderán gañar algúns dos premios, entre os que se atopa este ano unha raqueta doada por Rafa Nadal e cun autógrafo do tenista balear. A D3Mobile Metrology World League pódese seguir a través da web www.d3mobile.es, así como en facebook, twitter ou na canle youtube. OS investigadores da USC responsables da organización deste torneo, que harmoniza lecer e investigación, agradecen publicamente a participación de todos os centros educativos, profesores e estudantes inscritos, xa que esta actividade só pode ser levada a cabo grazas ao seu esforzo e entusiasmo. O director da D3Mobile Metrology World League, o profesor da USC Juan Ortiz, salienta tamén o seu agradecemento polo financiamento e os premios achegados pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o Centro Español de Metroloxía (CEM) o Centro Nacional de Información Xeográfica (CING), a Fundación Vodafone España, a Xunta de Galicia, a Excma. Deputación Provincial de Lugo, a Asociación de Centros Autónomos de Ensino Privado (ACADE), a Fundación Europea Educación e Liberdade (FUNDEL), a Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía (SOLACYT e a empresa PCE-Instruments. Ortiz destaca asemade a importante contribución que teñen neste proxecto as entidades, organizacións e institucións colaboradoras, entre as que figuran empresas de ámbito tecnolóxico, como Autodesk, gobernos autonómicos como o de Navarra, a Xunta de Castela e León ou o de Murcia, a Confederación Española de Centros de Ensino (CECE), a Confederación Española de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA), ANPE Sindicato Independente, a Federación de Sindicatos Independentes de Ensino (FSIE) e a Central Sindical Independente de Funcionarios (CSI-F).