Ir o contido principal

O escritor cubano Carlos Martí presentou na USC o seu libro 'El imán de la memoria'

O poeta cubano Carlos Martí, ex presidente da Unión Nacional de Artistas de Cuba, presentou este xoves na Universidade de Santiago o seu libro El imán de la memoria (Sincronismos de la identidad gallego-cubana), nun acto no que estivo acompañado polo vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e pola directora da Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’, Ana Chouciño.
Segundo explicou o propio autor, a obra xurdiu dunha inmensa reflexión “no tránsito por diversos puntos da xeografía galega que permitiron un reencontro co meu pasado, co pasado duns pais galegos”. El imán de la memoria é, segundo engadiu Ana Chouciño, un libro pequeno en extensión pero denso en canto ao seu fondo, no que se combina o pensamento do intelectual coa experiencia do descendente de galegos.
A obra aposta por unha aproximación orixinal á relación entre a memoria e a construción da identidade cultural “combinando e recombinando” elementos de contextos desvinculados na súa orixe. Neste senso, Carlos Martí considera necesario indagar nos procesos que historicamente conduciron a crear novas identidades entre diferentes pobos, como é o caso das culturas de “ida e volta” que constrúen a impronta galego-cubana.
Tomando como fío condutor os seus recordos familiares, e particularmente os do avó ferrolán, Carlos Martí dá luz teórica ás nostalxias da súa existencia o que lle permite subliñar que “só un profundo humanismo poderá conducirnos a resolver os conflitos do continuum pasado-presente futuro das identidades que agora mesmo son forxa, transformación e destino das más diversas comunidades humanas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2008.