Ir o contido principal

A escritora brasileira Lúcia Bettencourt visita estes días a Universidade de Santiago

De esquerda a dereita, Carmen Villarino, Carlos Quiroga, Lúcia Bettencourt, Luciano Paula de Melo e Elias J. Torres
De esquerda a dereita, Carmen Villarino, Carlos Quiroga, Lúcia Bettencourt, Luciano Paula de Melo e Elias J. Torres
A gañadora do Concurso Nacional de Contos Josué Guimarães reunirase con escritores, críticos e a comunidade universitaria

A Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela chegou a un acordo coa organización das Jornadas Literárias de Passo Fundo, un dos eventos literarios máis importantes do Brasil, para acoller na USC á persoa gañadora do seu Concurso Nacional de Contos Josué Guimarães e así promover a cooperación cultural entre os dous países e a difusión da USC entre a sociedade brasileira.
En agosto deste ano, e no decurso das 12ª Jornadas Literárias de Passo Fundo (Rio Grande do Sul-Brasil), Lúcia Bettencourt obtivo o primeiro premio dese certame, consistente na edición dos textos premiados nunha antoloxía organizada polo Instituto Estadual do Livro, a ser publicada en co edición coa Fundação Universidade de Passo Fundo e con a Prefeitura Municipal de Passo Fundo. Bettencourt visita estes días Compostela para manter encontros con escritores, críticos e a comunidade universitaria.
Profesora e crítica literaria, Lúcia Bettencourt (Rio de Janeiro) é autora do libro de contos A secretária de Borges (São Paulo, Record, 2006) e merecedora en 2005 do Prêmio SESC, con importante repercusión en Brasil. Previamente, fora premiada polo conto A cicatriz de Olímpia, publicado en 2005 no primeiro volume da Coletânea Osman Lins de Contos, no Recife.
A escritora, acompañada do profesor de Literatura Portuguesa da USC e vogal da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Carlos Quiroga, a profesora de Literatura Brasileira da Universidade de Santiago, Carmen Villarino Pardo, e do leitor brasileiro na USC, Luciano Paula de Melo, foi recibida este mércores en San Xerome polo vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres Feijó.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2007.