As escritoras irlandesas e galegas contemporáneas rompen os estereotipos acerca de nais e fillas
As escritoras contemporáneas irlandesas e galegas rachan nas súas obras coa imaxe idealizada da maternidade na que a nai é un ente pasivo obxecto do amor ou odio do fillo ou filla desmentindo deste xeito supostos modelos universais. Así o constata na súa tese de doutoramento María Teresa Pérez Tilve, que analiza na escrita das autoras irlandesas e galegas actuais cómo as voces de nais e fillas reelaboran a complexidade das súas experiencias e contradín aquelas teorías totalizadoras que definen unha imaxe fixa e monolítica da nai. Na súa creación artística estas escritoras presentan imaxes cambiantes e multidimensionais de nais e fillas que incorporan non só as condicións sociopolíticas e económicas que afectan as súas vidas senón tamén os cambios na relación cos seus fillos e fillas nas diferentes etapas do seu desenvolvemento. Neste sentido, esta literatura incorpora voces que presentan nais que envellecen pero non aceptan desaparecer da escena cando as fillas crecen. Do mesmo xeito, as fillas expresan un amplo abano de situacións e sentimentos cara á nai como dor pola ausencia, rebelión contra a excesiva represión ou compaixón pola súa indefensión. Para Pérez Tilve estas autoras revisan o mito de Eva, que condicionou as imaxes da muller-nai, e mostran un rexeitamento da posición de subordinación da muller con respecto ao home. Introdúcese ademais o corpo na representación da experiencia do embarazo e o parto fronte á censura da sexualidade e os modelos de maternidade desencarnada.
A tese ‘Refacendo espellos: Nais e fillas na poesía das escritoras irlandesas e galegas contemporáneas’, dirixida por Manuela Palacios González, enmárcase no proxecto de investigación nacional "Ex-sistere" (Mineco FFI2012-35872) sobre as escritoras irlandesas e galegas contemporáneas. Merecedora unanimemente da cualificación de sobresaliente cum laude, o traballo defendeuse o pasado 11de xullo na USC.