Ir o contido principal

Os escritores Vicente Luis Mora, Antonio Orejudo e David Refoyo reflexionan no CEA da USC sobre literatura

Os escritores Vicente Luis Mora, Antonio Orejudo e David Refoyo reflexionan no CEA da USC sobre literatura
Os escritores Vicente Luis Mora, Antonio Orejudo e David Refoyo reflexionan no CEA da USC sobre literatura

O Centro de Estudos Avanzados da USC acolle este venres 29 unha xornada de debate con algúns escritores das tendencias máis recentes e anovadoras da narrativa do século XXI na que reflexionarán acerca da situación da literatura, o futuro do libro e a interacción coas linguaxes dixitais e os medios audiovisuais. Participarán Vicente Luis Mora, Antonio Orejudo e David Refoyo. Organizada polo grupo de investigación de Teoría da literatura e literatura comparada da USC, a II Xornada sobre Nova(s) Narrativa(s) ‘A literatura ten os séculos contados’ dará comezo ás 12.00 horas co relatorio do escritor Vicente Luis Mora titulado ‘As linguaxes complexas da literatura: tradición non verbal e actualidade textovisual’. Crítico, profesor universitario e xestor cultural, Mora é autor de Circular, Alba Cromm e do blog Diario de lecturas. Sobre este tema publicou El lectoespectador (Seix Barral, 2012). A continuación intervirá Antonio Orejudo, profesor de literatura española da Universidade de Almería, coa charla ‘¿Qué fai un chico do Século de Ouro coma min nun sitio como este?’. O relator é autor de Fabulosas narraciones por historias, Ventajas de viajar en tren e Un momento de descanso ademais de fundador de Diario Kafka. A xornada matinal completarase co escritor, músico, deseñador gráfico e publicista David Refoyo e o seu relatorio ‘Transmedia ou a herdanza de Nacho Cano no creador indie’. Autor de 25 centímetros e El día después, escribe o blog Una ciudad llamada Perdición. Xa pola tarde, a partir das 16.30, os tres autores xunto co profesor de teoría da literatura e literatura comparada da USC e coordinador da Rede internacional sobre metaficción no ámbito hispánico, Antonio J. Gil González, participarán na mesa redonda ‘A literatura ten os séculos contados’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2015.