Ir o contido principal

O Espazo de Cámara da USC homenaxea Debussy este luns en Santiago e o martes en Lugo

O concerto de Santiago será na Igrexa da Universidade
O concerto de Santiago será na Igrexa da Universidade
Os concertos da Igrexa Universitaria e o Círculo das Artes son o colofón do encontro orquestral desta fin de semana

O Espazo de Cámara da Universidade de Santiago reuniu esta fin de semana na Igrexa Universitaria de Compostela os membros da súa orquestra e estudantes de música para compartir ensinanzas e experiencias con docentes e profesionais do panorama musical galego. O encontro culmina este luns no concerto ‘Homenaxe a Claude Debussy. 150 Aniversario’ a desenvolver na Igrexa Universitaria ás 20.30 horas. A mesma actuación terá lugar no Círculo das Artes de Lugo o martes, 1 de maio. Os recitais, cun formato orixinal que sorprenderá o público, presentan un programa composto por obras significativas como as Danzas Sacra e Profana para orquestra de corda e arpa solista, coa especial colaboración da arpista salmantina Reyes Gómez Benito; dúas Gynopedias de Erik Satie orquestradas polo propio Debussy; as Danzas Húngaras de Bèla Bartok; e o tango Río Sena de Astor Piazzola orquestrado por Mario Diz, director do Espazo de Cámara da USC, para a ocasión. Espazo permanente A USC fixo en 2010 unha aposta clara pola música de cámara ao integrar a comunidade universitaria con formación musical na Orquestra do Espazo de Cámara da USC. No proxecto, que se mantén permanente con ensaios semanais, séguese unha programación didáctica na que os seus corenta integrantes –alumnado e profesorado universitario- amplían a súa formación orquestral baixo a supervisión de Mario Diz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2012.