Ir o contido principal

O Espazo de Fotografía prosegue estes meses coa súa oferta formativa

O Espazo de Fotografía prosegue estes meses coa súa oferta formativa
O Espazo de Fotografía prosegue estes meses coa súa oferta formativa

O Espazo de Fotografía da USC que dirixe Fuco Reyes mantén unha oferta de formación continuada ao longo de todo o ano académico, que se desenvolve en Ciencias Políticas e Sociais. Así, nos meses de marzo, abril e maio ten previstos tres cursos sobre procesado e retoque dixital, técnicas de iluminación e iniciación á técnica e linguaxe fotográfica. A participación neles poderá validarse por créditos ECTS.

Durante todo o mes de marzo desenvolverase un obradoiro monográfico no que os e as participantes adquirirán un coñecemento en profundidade do proceso de procesado dixital tanto dos arquivos raw como jpg: reservas e queimados, axuste de cor, contraste, limpeza, conversión a branco e negro, control de distorsións, probas de cor, redimensionado e criterios de análises e valoración da imaxe. Tamén se analizarán aspectos como o fluxo de traballo, arquivos dixitais e xestión de cor.

Xa en abril e maio terá lugar o monográfico sobre iluminación, no que se obterán as claves necesarias para coñecer, identificar e usar a luz dispoñible para crear fotografías con bo control da iluminación así como formación sobre o uso de flashes tanto en localización como en estudo.

Por último, na segunda quincena de maio Fuco Reyes impartirá un obradoiro de iniciación no que se mostrará cómo realizar fotografías en modos manuais, manexar os axustes necesarios para obter unha exposición correcta e coñecer as posibilidades técnicas e creativas da súa cámara de fotos. No referido a composición, terán uns criterios claros de toma de decisións á hora de seleccionar un encadre e a ordenación dos seus elementos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2017.