Ir o contido principal

Especialistas en dereito tributario de Europa e Latinoamérica reúnense en Santiago

De dereita a esquerda, Eugenio Simón, Juan Casares, Ángel Currás, Elena Muñoz e César García
De dereita a esquerda, Eugenio Simón, Juan Casares, Ángel Currás, Elena Muñoz e César García
O encontro celébrase ata o 7 de setembro no Palacio de Congresos e Exposicións da capital galega

Preto de trescentos profesionais e docentes universitarios do ámbito fiscal e tributario se reúnen esta semana en Santiago nas XXVI Xornadas Latinoamericanas que co organiza o Instituto Latinoamericano de Dereito Tributario que preside o catedrático da USC, César García Novoa O encontro inaugurouse este luns nun acto no que, entre outras persoas, participaron o reitor da USC, Juan Casares; a conselleira de Facenda, Elena Muñoz; o alcalde da cidade, Ángel Currás; o profesor César García Novoa; e o catedrático da Universidade de Navarra Eugenio Simón Acosta, presidente da Asociación Española de Dereito Financeiro, co organizadora das xornadas. Os dous aspectos principais nos que se centra o programa do encontro son a aplicación e interpretación dos convenios de dobre imposición e a tributación de intanxibles. Para iso cóntase con intervencións de relatores nacionais e de comunicacións técnicas a cargo de expertos procedentes de España, Portugal, Italia, Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Costa Rica, Ecuador, México, Panamá, Paraguay, Perú, Uruguai e Venezuela, ata un total de máis de 70 relatorios. A actividade do xoves consistirá en seminarios sobre aspectos como as garantías do contribuínte ante a Administración tributaria, a seguridade xurídica na creación e aplicación de tributos, a tributación das telecomunicacións, a tributación das operacións de entidades financeiras, a tributación e o medio ambiente ou a tributación das persoas desprazadas e dos servizos transfronteirizos.

A xornada final do venres 7 resérvase para a reunión dos diferentes comités e a elaboración de conclusións, ademais da celebración da asemblea xeral da ILADT e a presentación do modelo de convenio de dobre imposición proposto por este organismo, sobre o que tamén estará centrado o derradeiro seminario do encontro.

Público asistente á inauguración das xornadas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2012.