Especialistas de España e Portugal estudarán as diferentes alternativas á privación de liberdade
O Instituto de Criminoloxía da Universidade de Santiago reúne os días 13 e 14 de decembro os mellores especialistas da Península para debater nun congreso sobre as diferentes alternativas da privación de liberdade. As conclusións axudarán o proxecto de investigación que, co mesmo nome, lidera a USC financiado pola Consellaría de Economía e Industria. O Congreso Hispano-Portugués ‘Alternativas á privación de liberdade’, co que colabora o Departamento de Dereito Penal da Universidade da Coruña, estudará en conferencias e mesas redondas cuestións xenéricas como as alternativas á prisión nos códigos penais español e portugués e outras máis concretas como a mediación entre o autor e a vítima como forma alternativa de resolución do conflito no sistema xudicial penal xuvenil, a situación actual e orientación político-criminal do novo anteproxecto de reforma do código penal ou a xustiza restaurativa na execución de penas, entre outras. As sesións desenvolveranse na Facultade de Dereito logo de que este xoves 13 se inaugure o encontro ás 16.00 horas. A continuación terá lugar a primeira mesa redonda sobre as alternativas á prisión en España, unha conferencia do catedrático da USC José Manuel Lorenzo Salgado sobre a suspensión da pena privativa de liberdade no caso de drogodependentes e un novo debate no que o director do Centro Penitenciario de Valencia, Miguel Ángel Martínez, falará da xestión penitenciaria en España e a catedrática María Luisa Cuerda do novo anteproxecto de reforma do código penal. O claustro de relatores está conformado ademais por docentes das Universidades de Santiago, Vigo, Jaume I de Castellón e Minho e do Instituto Superior da Maia (Portugal). O encontro está organizado polo director e secretario do Instituto de Criminoloxía da USC, os profesores Fernando Vázquez-Portomeñe e Gumersindo Guinarte, respectivamente.