Especialistas internacionais analizan en Santiago o Modelado Específico de Dominios
Persoal experto en Linguaxes de Dominio Específico reuniranse a vindeira semana no CiTIUS na IV Escola de Verán Internacional, na que se presentarán as liñas mestras desta metodoloxía, así como as súas principais aplicacións. A inauguración oficial será o luns, 2 de setembro, ás 15.00 horas. Entre os relatores atópanse personalidades tan sobranceiras como Didier Buchs, da Universidade de Xenebra; Ethan Jackson, de Microsoft Research; Eugener Syriani, da Universidade de Alabama; Vasco Amaral, Miguel Goulão, Bruno Barroca ou Mauricio Alférez, da Universidade Nova de Lisboa; ou Paulo Carreira, da Universidade Técnica de Lisboa. Esta escola de verán permitirá afondar nos diferentes aspectos do Modelado Específico de Dominios (DSM), unha aproximación metodolóxica que xurdiu para enfrontarse á complexidade accidental do desenvolvemento de sistemas, facilitando a simulación dos modelos do dominio e a comprensión das relacións dos elementos que interveñen nos sistemas. Na metodoloxía DSM, os modelos e as transformacións entre modelos funcionan como ferramentas, ao contrario de como sucede nas aproximacións habituais (nas que o seu papel se limita á simple documentación). Deste xeito, os modelos convértense no elemento fundamental para a abstracción do mundo. DSM está a atraer grande interese tanto da industria coma da academia. Os dominios de aplicación abranguen: Sistemas Interactivos, Sistemas de Tempo Real, Web 2.0, Arquitectura de Negocio, Xogos, Automatización Industrial, Co-Deseño Hardware Software, Mecatrónica, Modelado de Negocio, Requirimentos de Enxeñaría ou mesmo Deseño de Procesos. Por outra banda, as principais liñas de investigación da academia céntranse no desenvolvemento dos elementos fundacionais, a sistematización das diferentes aproximacións, e as ferramentas para soportar a Simulación e a Verificación (a revisión de modelos e o seu testeo).