Ir o contido principal

Especialistas internacionais avanzarán en Santiago na investigación sobre prións

Especialistas internacionais avanzarán en Santiago na investigación sobre prións
Especialistas internacionais avanzarán en Santiago na investigación sobre prións
Os prións son estraños axentes infecciosos que causan enfermidades mortais nos seres humanos e no gando

Os prións, estraños axentes infecciosos formados unicamente por proteína que causan enfermidades neurodexenerativas mortais nos seres humanos e no gando, foron a pasada década responsables da epizootia de encefalopatía esponxiforme transmisíbel, doenza popularmente coñecida como o “mal das vacas tolas” que foi controlada e xa non supón un risco para a saúde humana. Pese a iso, advirte o investigador da USC Jesús Requena, numerosos aspectos fundamentais da bioloxía dos prións continúan a ser descoñecidos. Ademais, os mecanismos moleculares de propagación dos prións constitúen unha chave para a comprensión doutras enfermidades neurodexenerativas moito máis frecuentes como a doenza de Alzheimer. Por esa razón especialistas internacionais na materia reuniranse en Santiago, os vindeiros días 3 e 4 de decembro na Facultade de Medicina, no Primeiro Congreso Ibérico sobre prións, que reunirá persoal investigador e profesional de España e Portugal pero tamén convidados doutros países como Estados Unidos, Canadá, Francia ou Italia. Trátase de avanzar no ámbito de estudo dos prións, sexa na investigación básica, no control veterinario ou na epidemioloxía, diagnose e patoloxía das enfermidades priónicas humanas. O congreso, cuxas sesións científicas estarán abertas a toda a comunidade, está organizado polo profesor do Departamento de Medicina da USC e investigador do Laboratorio de Neuropatoloxía do CIMUS Jesús Requena e pola investigadora do Laboratorio Nacional de Investigación Veterinaria de Lisboa, Leonor Orge. A sesión de apertura terá lugar ás 9.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2012.