Especialistas internacionais debaten arredor da loita contra a avespa velutina nunha xornada do proxecto Atlantic Positive

A USC participa este mércores 5 e o xoves 6, da man de Xulio Maside da área de Xenética comparada e evolución molecular do Grupo de Medicina Xenómica, nunhas xornadas de intercambio do Proxecto Atlantic-POSitiVE na que se darán cita especialistas internacionais en materia de riscos e ameazas ambientais globais. O obxectivo de Atlantic-POSitiVE é facer fronte á expansión e minimizar o impacto da especie invasora avespa velutina para os ecosistemas e para o desenvolvemento socioeconómico do Espazo Atlántico.
Estas xornadas, que se celebrarán en Vigo e Ourense, contarán tamén coa presenza de especialistas internacionais que analizarán as técnicas de loita contra este avespa que se están a facer en Galicia así como a coñecer os avances en investigacións sobre esta praga. Neste caso asistirán representantes institucionais británicos e irlandeses, concretamente das súas respectivas asociacións de apicultores. Reuniranse con investigadores da USC, UVigo e UDC e visitarán apiarios experimentais ao longo da provincia de Ourense e Pontevedra.
A actividade está enmarcada dentro do proxecto INTERREG Atlantic-POSitiVE, coordinado polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER), en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, a Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro, o Institut National de la Recherche Agronomique e as universidades de Exeter e College Cork. O proxecto ten un financiamento de 2,35 millóns de euros, dos que 1,76 millóns de euros son achegados por fondos FEDER e algo máis de medio millón polos socios do proxecto.
A USC participa neste proxecto abordando principalmente o impacto económico desta invasión, extrapolando un estudo previo feito na provincia da Coruña, que apunta que os apicultores invisten o 20% dos ingresos do mel en métodos de loita. Tamén estudan as pautas e factores ambientais e biolóxicos que determinan a propagación da praga e a súa densidade, e colaboran coa UVigo no deseño de métodos que permitan minimizar a poboación de velutinas cun mínimo impacto ecolóxico nas poboacións autóctonas.