Ir o contido principal

Espertando conciencias científicas

Foto de grupo da primeira quenda de estudantes que chegan a Santiago para participar nos Campus Científicos (SERVIMAV-USC)
Foto de grupo da primeira quenda de estudantes que chegan a Santiago para participar nos Campus Científicos (SERVIMAV-USC)
Chega á USC a primeira remesa de estudantes dos Campus Científicos de Verán

Espertar vocacións científicas entre o estudantado máis novo. Con ese propósito ano tras ano diversas universidades españolas, entre elas a de Santiago, participan nos Campus Científicos de Verán que reúnen a centos de alumnos e alumnas de 1º de Bacharaleto e 4º de ESO dispostos a gozar duns días que combinen ciencia e lecer. A USC participa nesta iniciativa dende os seus inicios hai cinco anos baixo a coordinación do profesor Luis Hervella, coordinador do Programa ‘A Ponte’. Estruturada en dúas quendas no mes de xullo, de novo chegan a Santiago 60 estudantes de Bacharelato, aos que lles seguirán outros tantos de ESO na segunda quincena. Nesta ocasión, os rapaces e rapazas poden participar nos proxectos ‘Xestión e tratamento sostible da auga residual’ dirixido por Gumersindo Feijoó Costa; ‘Buscando as partículas más enerxéticas do Universo’ de Ricardo Vázquez López; ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’ de Francisco Javier Otero Espinar; e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’ de Victoria Otero Espinar. Dezaseis universidades A iniciativa está organizada polos Ministerios de Educación, Cultura e Deporte e de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e conta co patrocinio da Obra Social “la Caixa”. Este ano colaboran 16 universidades con Campus de Excelencia Internacional. Os campus pretenden fomentar a investigación científica de excelencia así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica especialmente entre os máis novos. Para iso organízanse actividades encamiñadas a espertar entre os estudantes vocacións científicas e avivar o seu interese tanto polo estudo das ciencias como pola actividade investigadora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2014.