A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ conclúe as intervencións de voluntariado no río Umia

As xornadas de intervención de voluntariado organizadas pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC (EHEC) rematarán este venres 27 no río Umia orientadas a aumentar o grao de conciencia social sobre a conservación dos peixes migradores e do seu hábitat. As xornadas comezaron o pasado día 23 no río Ulla incluídas na programación de actividades do proxecto europeo MIGRANET. As intervencións consisten en itinerarios guiados para coñecer máis de preto a migración dos peixes, os obstáculos existentes, as zonas de desova e de repouso ou aspectos relacionados coa súa alimentación, entre outros. Para o seu desenvolvemento, facilitarase aos/ás participantes diversos materiais educativos como pequenas guías para o traballo de campo. O proxecto MIGRANET, cofinanciado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, traballa na configuración dunha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo. Para acadar este obxectivo, estase a por en marcha un Observatorio das poboacións de peixes migradores do Espazo SUDOE que vele pola súa conservación e recuperación. O proxecto, coordinado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’, conta tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (CEER), o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Para máis información sobre as actividades do proxecto, as persoas interesadas poden visitar a páxina web http://www.migranet.org.es.