A Estación de Hidrobioloxía 'Encoro do Con' da USC recibiu o Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+ da European Foundation for Quality Management
A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC (EHEC) recibiu este venres 17 o Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+ da European Foundation for Quality Management (EFQM). A entrega realizouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome no transcurso dun acto presidido polo reitor Senén Barro, e no que interviñeron o director comercial de Lloyds, Fermín Fariña, e o director da EHEC, Fernando Cobo.
Este Selo é un recoñecemento á Estación da USC polas súas prácticas excelentes de xestión, enfocadas á mellora da organización dos seus recursos e á satisfacción permanente dos seus clientes e grupos de interese.
Logo dun intenso traballo para a descrición, despregamento e avaliación dos procesos de xestión, a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” presentouse a un proceso de certificación externo desenvolvido pola EFQM que tivo como resultado a obtención do Selo o pasado 18 de febreiro de 2009.
O proceso de certificación constou de dúas fases, comezando coa realización dunha autoavaliación homologada polo director do Grupo de Investigación de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC e Licenciatario Oficial, seguindo o Modelo e a metodoloxía da EFQM. Deseguio deseñouse un Plan de Acción con tres accións de melloras definidas a partir da autoevaluación.
Da avaliación da correcta implantación do plan encargouse Lloyds Register Quality Assurance (LRQA) de maneira que a EHEC superou todas as fases da certificación e obtivo o Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+, que é outorgado polo “Club Excelencia en Xestión” (CEG) representante en España do “Committed to Excelence”.