As estatísticas de xénero, a estudo esta semana en Santiago
O Centro de Estudos Avanzados acolle entre os días 7 e 10 de setembro un curso de verán orientado, cun enfoque multidisciplinar, ao estudo das estatísticas e os indicadores de xénero. A proposta, dirixida pola profesora Mª Xosé Rodríguez Galdo, conta co financiamento do Instituto da Muller. Tras a inauguración este martes 7, que ás 9:30 horas contará coa participación do director do Instituto Galego de Estatística, Xosé Antonio Campo, terá lugar o primeiro relatorio a cargo de Rodríguez Galdo sobre ‘Indicadores de xénero e calidade de vida’. A este seguiralle pola mañá una serie de intervencións que profundarán na relación de tempo, xénero e estatísticas e nos avances na elaboración de estatísticas con perspectivas de xénero e máis concretamente o caso de Eurostat. Xa pola tarde desenvolveranse dúas charlas sobre a produción de estatísticas de xénero en Galicia e a medición do uso do tempo e indicadores de xénero. Vindeiras xornadas Na xornada do día 8 de setembro o programa inclúe ás 9:30 horas unha mesa redonda sobre as experiencias dos Institutos Oficiais de Estatística de España. Ademais, incluiranse relatorios sobre a economía feminista na aplicación das estatísticas de xénero, a medición do uso do tempo desde esa perspectiva e a estatística no cambio de paradigma. Xénero, desenvolvemento sostible e benestar son os aspectos que se interrelacionarán na terceira sesión, á que lle seguirá a do 10 de setembro cunha mesa redonda sobre a perspectiva de xénero e a elaboración de indicadores na produción do grupo RIDHEM e a clausura oficial do curso.