Ir o contido principal

Os estereotipos continúan no século XXI

O profesor De Miguel, á esquerda, presentou na cidade da Cultura as principais conclusións do estudo
O profesor De Miguel, á esquerda, presentou na cidade da Cultura as principais conclusións do estudo
Un grupo da USC estudou as condicionantes que levan as mulleres a elixir unha determinada titulación

Se na relación entre mulleres e homes que cursan estudos universitarios en Galicia é maior a presenza das primeiras, ¿por que a porcentaxe das que estudan Ensinanzas Técnicas cae ao 30,5 %? Para un grupo de especialistas da USC a resposta podería atoparse na existencia de roles de xénero interiorizados polas mulleres dende idades temperás así como a desconfianza cara a un futuro mercado laboral masculinizado e as dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. O grupo de investigadores, coordinado por José Carlos De Miguel e do que formaban parte M.ª Pilar Murias, David Rodríguez, Beatriz Valcárcel e Alejandro Vecino realizaron o estudo ‘As mulleres na universidade: eleccións profesionais’. Este estudio, impulsado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, consistiu en actualizar os datos de 2007 cos dunha nova enquisa de 2010 que se pasou a 536 persoas, mulleres en maior proporción. O traballo presentouse este mes na Cidade da Cultura. Os autores partían da premisa de que a reducida presenza feminina en titulacións do ámbito tecnolóxico advertía a existencia de elementos que dificultan o acceso das mulleres ás titulacións técnicas e que as desincentivan a cursalas. Como punto de partida si constataron distintas preferencias polas ramas de coñecemento en función do sexo, unha situación que comeza a manifestarse xa na etapa preuniversitaria na que, por exemplo, o 52,1 % dos homes afirma ter un alto grao de interese cara a materia de Tecnoloxía, porcentaxe que se reduce ao 27,1 % no caso das mulleres, para as cales é, de feito, a menos preferida. Malia o que poida parecer á vista destes datos, o baixo interese amosado por boa parte das mulleres cara ás Ensinanzas Técnicas non é o único factor que contribúe a explicar a menor presenza feminina nas mesmas. Tanto é así que do 25,4 % de mulleres que afirmaron ter un alto interese por esa rama, tan só a metade cursou estes estudos fronte ao 81,4 % dos homes que si materializaron o seu desexo. Entre os factores que inflúen nesta decisión os investigadores sinalan que, logo da análise, unha parte considerable das alumnas desta rama non perciben que as súas habilidades e aptitudes para este ámbito sexan suficientes como para motivar a elección da titulación. Isto podería levar a razoamentos sexistas que de facto non se corresponden coa realidade xa que en liñas xerais tanto alumnas como alumnos consideran que ambos os dous sexos están igualmente capacitados. Sobre cómo explica o alumnado a presenza de homes e mulleres en certas carreiras, os primeiros outorgan maior importancia á existencia de factores tradicionais e roles de xénero así como á perspectiva dun mercado laboral masculinizado, elemento que as mulleres teñen máis en consideración. Pero elas tamén perciben, en maior medida que os homes, as poucas posibilidades de promoción laboral como factor explicativo desta problemática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2014.