Estornela, chave e bolos celta toman o campo de fútbol da USC
Os universitarios interesados en coñecer as particularidades da estornela, da chave e dos bolos celtas, terán a oportunidade de facelo a vindeira semana no curso de Iniciación aos Xogos Tradicionais que organiza a Área de Deportes da USC coa colaboración da Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela.
No Campus de Santiago, as clases están previstas para os días 9 e 10 en horario de 16:00 a 17:30 horas e desenvolveranse no campo de fútbol do Campus Sur para ampliarse tamén ao de hoquei herba, sendo gratuítas para os membros da comunidade universitaria. En Lugo, terán lugar os días 11 e 12 en Veterinaria.
As persoas que realicen este curso poderán posteriormente participar nunhas probas de selección para competir nos XXIV Xogos Galaicos-Durienses representando á USC, entre os días 24 e 26 de novembro. En Compostela, a selección realizarase o día 16, ás 17:30 horas no Campo de Fútbol, e en Lugo o día 17 á mesma hora en Veterinaria.