As estratexias de xenotipado actuais e as perspectivas de futuro, a estudo nun curso na USC
O Centro Nacional de Xenotipado (CeGen_ISCIII) da USC organiza para os días 17 e 18 de decembro un curso sobre o presente e o futuro da caracterización xenética. Nel pretende darse unha visión global da aplicación dos marcadores xenéticos en estudos de asociación e de ligamento. Cunha duración total de 15 horas, o curso ‘Presente e futuro do xenotipado: onde estamos e cara a onde imos’ contará cunha parte teórica e outra práctica na que se as persoas participantes poderán formular preguntas concretas relacionadas cos seus proxectos de investigación. O CeGen dispón do enderezo electrónico coordinacion.cegen [at] usc.es (coordinacion[dot]cegen[at]usc[dot]es) e o teléfono 981 955 191 para solicitar mais información. O encontro, a desenvolver no Aulario Novoa Santos da Facultade de Medicina (a carón do CHUS), comezará coa explicación de conceptos básicos relacionados cos marcadores xenéticos para logo dar paso a charlas máis especializadas sobre as estratexias para o estudo xenético dunha enfermidade complexa, ferramentas para a busca e selección de SNPs, tests de asociación, ferramentas bioinformáticas, deseño e análise de estudios de ligamento, análise de mostras en citoxenética e oncoloxía ou os servizos que presta o CeGen, entre outras. Ademais haberá unha visita guiada ao laboratorio do Centro Nacional de Xenotipado en Santiago. O CeGen naceu en 2003 como unha iniciativa da Fundación Genoma España promovida desde os Ministerios de Sanidade e Consumo e de Educación e Ciencia, e en 2010 pasou a ser Plataforma Tecnolóxica do Instituto de Saúde Carlos III. Na actualidade o CeGen segue ofrecendo os seus servizos nos nodos do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) e da Universidade de Santiago de Compostela dirixidos a realizar proxectos de xenotipado de SNPs (Single Nucleotide Polymorphisms) a gran escala para grupos de investigación en institutos, universidades, hospitais e empresas.