Ir o contido principal

Estrea en Galicia da zarzuela La flor del agua de Víctor Said Armesto e Conrado del Campo

Cen anos despois de presentarse en Madrid

Este xoves 4 e o venres 5, no Centro Cultural García Barbón de Vigo (ás 20:30 horas) e no Auditorio de Galicia de Santiago (21.00), respectivamente, terá lugar a solemne estrea en Galicia da zarzuela de Víctor Said Armesto e Conrado del Campo La flor del agua, segundo transcrición e estudo de Carlos Villanueva e Joám Trillo (Ed. ICCMU, Madrid, 2014). A célebre obra do pontevedrés Said Armesto, concibida como unha síntese de romances populares, presentouse por primeira vez no teatro da Zarzuela de Madrid en 1914, data, precisamente, do seu inesperado falecemento. A crítica considerouna como unha das grandes obras dentro da liña rexeracionista do novo teatro lírico español daqueles anos xunto con Margarita la Tornera, de R. Chapí; Las Golondrinas, de J.M. Usandizaga; ou Maruxa, de Amadeo Vives. Non obstante, a morte do literato galego non permitiu a súa reposición e posterior difusión por España. O traballo de recuperación desta obra forma parte do plan do equipo de investigación dirixido polo catedrático de Historia da Música da USC, Carlos Villanueva, de retomar e historiar a figura de Said Armesto contando coa colaboración de institucións locais, autonómicas e estatais e que, xunto con simposios, concertos e exposicións, proxecta para 2015 a edición do epistolario do intelectual pontevedrés. A versión en concerto de La Flor del agua será dirixida por Maximino Zumalave, contando coa colaboración dos prestixiosos cantantes Lola Casariego e Gustavo Peña, a Orquesta Real Filharmonía e o Coro da Sinfónica de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2014.