Ir o contido principal

A estrutura de coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, seleccionada como boa práctica para Universia 2014

A rede Universia, que agrupa 1.240 universidades de 23 países, seleccionou a estrutura de coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC (PDS) coma boa práctica no ámbito da gobernanza, para ser amosada na web de participación do III Encontro Internacional de Reitores que terá lugar en xullo de 2014 en Río de Janeiro (Brasil). Esta estrutura baséase na figura do coordinador ou coordinadora de centro e nos bolseiros e bolseiras de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria. O coordinador é un membro do persoal docente e investigador ou de administración e servizos, designado polo equipo de goberno do centro e con carácter voluntario, que ten a misión de canalizar a participación dos centros no desenvolvemento das accións vinculadas ao PDS. Esta figura é clave para adaptar cada acción do Plan que se pon en marcha á realidade do centro onde se desenvolve, asegurar a divulgación das actuacións emprendidas e liderar novas accións. Cada curso académico, o coordinador conta co apoio dun alumno do seu centro docente en calidade de bolseiro SPIU que actúa como intermediario entre a Oficina de Desenvolvemento Sostible e o goberno dos centros docentes. A estrutura de coordinación establecida ten por obxectivo facer máis efectivo o desenvolvemento de accións de sostibilidade na USC, canalizando a participación dos centros no desenvolvemento das accións vinculadas ao Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, promovido dende a Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2013.