Estudan a crecente problemática da existencia de nanopartículas metálicas na auga

Debido á progresiva introdución de nanopartículas como compoñentes en cosméticos, pinturas ou tecidos estanse a detectar concentracións crecentes de nanopartículas de prata, óxido de titanio e óxido de zinc nas augas residuais e nas augas naturais. Para analizar esta problemática, os membros da Rede Galega para o Tratamento de Augas (REGATA) reuníronse estes días en Santiago. Por unha banda, para presentar os métodos de detección, avaliar a presenza e os posibles problemas ambientais que poden causar e, por outra, para abordar a eficiencia dos sistemas de tratamento de augas residuais para a retención destas nanopartículas, incidindo nos mecanismos de transformación.
O seminario estivo impartido polos profesores Lars Duester, do Federal Institute of Hydrology de Koblenz (Alemaña), e Ralf Kuegi, do EAWAG de Zurich (Suíza) e forma parte das actividades da rede REGATA, recentemente constituída por dez grupos de investigación das tres universidades galegas.