Ir o contido principal

Estudan nun curso en xullo a importancia dos soutos de castiñeiros da Serra do Courel

Estudan nun curso en xullo a importancia dos soutos de castiñeiros da Serra do Courel
Estudan nun curso en xullo a importancia dos soutos de castiñeiros da Serra do Courel

Entre os días 18 e 21 de xullo a Universidade de Santiago desenvolverá na Estación Científica do Courel (Seoane do Courel) o curso de verán ‘Os soutos de castiñeiros da Serra do Courel e a súa importancia económica, ecolóxica e cultural’ que dirixe o catedrático da EPS Antonio Rigueiro. O prazo para matricularse remata o 8 de xullo.

Nos catro días do encontro, que comezará cun relatorio de Rigueiro sobre os castiñeiros senlleiros de Galicia, profundarase de maneira exhaustiva nesa especie arbórea característica da zona. O souto como hábitat para os vertebrados, a súa orixe, a flora e vexetación, variedades e cultivares, técnicas de multiplicación, cogomelos, creación de soutos mansos novos, pragas e doenzas ou a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia son algún dos numerosos temas a tratar.

O día 19 resérvase para realizar unha visita a soutos do Courel e á empresa Caurelor de transformación e procesado de castañas. O desprazamento diario desde Lugo á Estación Científica poderá realizarse no autobús que disporá a organización do curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2016.