Ir o contido principal

Estudan as relacións comerciais dos fenicios en Galicia no primeiro milenio antes de Cristo

Porto fenicio de A Covasa (Aguiño)
Porto fenicio de A Covasa (Aguiño)
O proxecto Estrímnides desenvolve esta semana a súa primeira xuntanza de traballo

Un equipo formado por investigadores do Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN) da USC, da Universidade de Sevilla e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) traballan no proxecto Estrímnides, centrado en investigar as relacións comerciais que as comunidades do noroeste mantiveron con pobos do sur da Península Ibérica e o Mediterráneo en Xeral. Financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, en concreto estudan a presenza fenicia no noroeste peninsular (Galicia e norte de Portugal) durante o primerio milenio a. C.

Os investigadores sevillanos atópanse esta semana en Galicia para participar nunha serie de actividades que avancen no estudo dos materiais arqueolóxicos de procedencia mediterránea recuperados en castros galegos. Deste xeito, visitarán a arqueoteca da Universidade de Santiago de Compostela e o Museo do Mar, o Museo de Pontevedra e o Museo de San Antón en Coruña.

A semana culminará nunha reunión de traballo o xoves 16 no Museo do Mar para presentar os obxectivos do proxecto á comunidade arqueolóxica galega. Nesta reunión, que dará comezo ás 17.00 horas, intervirán Josefa Rey Castiñeira e Javier Rodríguez Corral, da USC; Emilio Abad, do CESGA; Eduardo Ferrer Albelda, Francisco José García Fernández e Antonio Sáez Romero, da Universidade de Sevilla; e o arqueólogo Juan Naveiro Lopez.

O GEPN constituíuse en 2006 no seno do Departamento de Historia I da USC, inicialmente orientado cara ás etapas máis recentes da Prehistoria de Galicia e que pronto ampliaría o seu enfoque a períodos máis arcaicos e recentes da ocupación humana en Galicia. Na actualidade, os seus integrantes seguen unha variada gama de investigacións que cobren principalmente desde o Paleolítico á Idade do Ferro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2016.