Estudan a transcendencia da figura de Juan Rof Codina nos progresos da sociedade agraria galega de comezos do século XX

Os cambios que se produciron no campo galego entre o século XIX e o XX non poden ser entendidos sen o coñecemento do labor de persoas e colectivos que loitaron por introducir e difundir os novos progresos técnicos que viñan do resto de España e Europa, sacando Galicia da crise agraria de fins do século XIX. Con esta sentencia como punto de partida, o investigador do Departamento de Historia Contemporánea e América Diego Conde Gómez defendeu recentemente a súa tese doutoral que achega novos coñecementos sobre o papel que xogou a profesión veterinaria na mellora pecuaria da Galicia contemporánea a través da figura de Juan Rof Codina (1874-1967). A tese establece un estudo crítico e multidisciplinar de Rof Codina encadrando o seu labor no entorno político e social da sociedade agraria da época e na situación rexeneracionista da veterinaria en Galicia e España durante este período, ademais de pór en valor a función que tivo a Escola de Veterinaria de Santiago dentro do entramado de innovación agropecuaria galega. O investigador reforza na súa tese a idea do carácter diferencial da ‘cuestión pecuaria’ como ferramenta para explicar os procesos de transformación da agricultura galega, “resultado da resolución das necesidades demandadas polas producións pecuarias”. O traballo pon de manifesto o papel protagonista da figura do labrego na posta en marcha da innovación tecnolóxica, determinando o éxito ou o fracaso das propostas técnicas segundo a adaptación ás necesidades da economía da súa explotación. Neste sentido, Conde detalla o proceso de mellora da Raza Rubia Galega “coa selección en pureza como método elixido polos gandeiros fronte á mellora a través de cruzamentos con razas estranxeiras que se propoñían desde as institucións”. Diego Conde ‘Veterinaria e mellora pecuaria na Galicia contemporánea. O papel de Juan Rof Codina’ estivo dirixida polos profesores José M. Cifuentes Martínez, do Departamento de Anatomía e Produción Vexetal de Veterinaria, e Lourenzo Fernández Prieto, de Historia Contemporánea e de América. Diego Conde (Ourense, 1977) é licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela e membro de Historia Veterinaria Galega (HISVEGA) e do Grupo de Referencia Competitiva HISTAGRA. Acaba de gañar o IX Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña coa obra ‘ Canto val unha vaca? Da cuestión agraria á cuestión pecuaria en Galicia’.