Estudantado de secundaria profunda nos últimos avances en investigación de células nai no UniStem Day 2015
Máis de 250 estudantes dos institutos Arcebispo Xelmírez I, Compañía de María, Rosalía de Castro, Antonio Fraguas e Xelmírez II participarán este venres 13 na xornada UniStem Day 2015, dirixida especificamente a estudantado de ensino secundario co obxectivo de achegar á mocidade o mundo da investigación con células nai. A xornada celebrarase no Salón de Actos da Facultade de Medicina e forma parte dunha iniciativa europea que se celebra simultaneamente en máis de 40 universidades de Reino Unido, Suecia, España e Italia, país promotor do evento. A participación española complétase con sesións en paralelo noutras sete universidades coordinadas pola de Barcelona. Na USC, o grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson é o encargado por terceiro ano consecutivo de coordinar esta iniciativa co apoio da Vicerreitoría de Investigación e Innovación e co patrocinio da Agrupación Mutual Aseguradora (AMA) Glass Chemical, Celta Ingenieros SL, Galmedic Material Médico y de Laboratorio e Gadis. A vicerreitora de Investigación, Isabel Rodríguez-Moldés, presidirá a sesión inaugural desta xornada a partir das 9.00 horas, acompañada do decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, e do director do grupo de investigación e coordinador do Nodo da Rede de Terapia Celular de Galicia, José Luís Labandeira García. Deseguido, desenvolveranse catros sesión impartidas por docentes e investigadores da USC que explicarán aos participantes qué son as células nai, o actual estado da investigación neste eido e as perspectivas de futuro, a súa aplicación no ámbito aplicado e un último relatorio dedicado ás verdades e mentiras sobre células nai e o fraude en terapia celular. UniStem Day
O UniStem Day 2015 é unha iniciativa que implica catro países europeos, 20.000 estudantes, 46 universidades e centros de investigación e máis de 250 convidados entre investigadores, managers ou comunicadores.